Os colexios de Bueu, a punto para o inicio do curso escolar
Por Redacción
Todos os centros educativos de Bueu teñen xa todo listo para o inicio do curso escolar. Así o comprobou o alcalde da vila, Félix Juncal, durante a súa visita ao CEIP A Pedra, ao CEIP A Torre de Cela e ao CEIP de Montemogos de Beluso. Alí puido ver as obras realizadas polo Concello para a posta a punto dos centros ante o inicio das clases o luns.
O CEIP Montemogos xa ten rematada a entrada de formigón pulido coa que se reduce a auga que se acumulaba no inverno neste espazo, ademais de fomentar a accesibilidade para persoas con algunha discapacidade ou mobilidade reducida.
Así mesmo o Concello substituíu as canalizacións de augas pluviais da cuberta do pavillón e estase ultimando o acondicionamento da zona exterior do patio para un espazo verde con terra vexetal, para acoller un espazo destinado a horta.
Na visita realizada despois ao CEIP A Pedra, Juncal trasladou o compromiso de pavimentar todo o patio de cara á tempada de Nadal, así como tamén a creación de espazos verdes. No mesmo proxecto estudaríase a posibilidade de desprazar o peche exterior uns cinco metros cara dentro para así ampliar a senda do río Bispo e crear unha zona de recepción e agarda para os pais e nais, todo elo buscando a colaboración da Consellería de Educación.
Na conversa mantida, a creación dun acceso a través do río para atallar cara á zona do aparcadoiro do pavillón tamén foi barallada.
E no CEIP A Torre de Cela, fíxose unha limpeza na pista exterior, e vaise cambiar o portelo automático de entrada, a rede que se atopa xunto ao campo cuberto, ademais de complementar a zona infantil coa instalación a comezos da vindeira semana dunha casiña de xogos, que tamén serán instaladas no resto dos colexios do municipio.
O alcalde mostrouse satisfeito polos traballos de posta a punto para o inicio do curso escolar e salientou que "nos vindeiros días se irán solucionando algunhas cuestións puntuais que quedaran".
Relacionadas:
-
Volta ao cole sen incidentes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Adeus ás inundacións no pavillón do CEIP Montemogos de Beluso
Por Redacción |
-
Educación prioriza a mellora do ximnasio e estudará o custo do cambio da cuberta no colexio Montemogos
Por Redacción |
-
Contemplan a construción dun muro no río Bispo para evitar o seu desbordamento
Por Redacción |