Educación prioriza a mellora do ximnasio e estudará o custo do cambio da cuberta no colexio Montemogos
Por Redacción
O xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, analizou este martes, xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a directora do CEIP Montemogos desta localidade, as melloras a realizar neste centro no próximo exercicio orzamentario.
Durante a reunión acordouse seguir a colaborar entre a administración autonómica e o concello de Bueu para executar obras neste colexio e noutros da localidade.
Deste xeito, Educación priorizará a mellora da instalación do ximnasio para evitar humidades mentres o concello renovará o parque infantil tras reformar recentemente a pista exterior. Por outra banda, a administración autonómica levará a cabo un estudo para avaliar o custo do cambio da cuberta do colexio, de cara a saber se será posible a súa execución no 2016 ou no seguinte curso.
Ademais, durante a reunión tamén se falou das necesidades do CEIP Torre-Cela, onde está previsto o cambio da carpintería exterior así como a mellora de aseos, esta última obra, asumida polo concello de Bueu.
Finalmente, a principios do próximo ano a Consellería de Educación encargará o proxecto para a ampliación das aulas de obradoiros do IES Johan Carballeira, dando así solución os problemas de espazo que padecen estas instalacións.