A escola infantil de Tenorio segue crecendo
Por Redacción
O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar aprobou a creación unha cuarta unidade na escola infantil de Tenorio, o que permitirá aumentar un ano máis os alumnos inscritos no centro educativo.
O anuncio da ampliación realizouse nunha visita ás instalacións, onde se acometeron durante as últimas semanas melloras no interior e o exterior do recinto por valor de 12.000 euros.
Durante o curso 2016/2017 matriculáronse na gardería cotobadesa 37 nenos, unha cifra que esperan aumente ata os 41.
Para dar resposta a este incremento o consorcio acometeu un reagrupamento dos nenos para proceder "de inmediato" a crear a cuarta unidade.
Esta decisión permitirá eliminar a lista de espera e cubrirá a demanda actual, o que para o alcalde, Jorge Cubela, "deixa ben as claras que Cotobade é un lugar en crecemento e con futuro que cada vez ten máis cativos e non que os servizos públicos estanse a reforzar para atender a todos os nosos veciños", sinalou.
O investimento na escola infantil de Tenorio permitiu pintar o interior do centro, reforzar a fachada de madeira, repoñer as luminarias, reparar o valado ou selar a cuberta do patio, entre outras pequenas intervencións.