Fin á calor abafante na escola infantil de Tenorio
Por Redacción
Os nenos da escola infantil de Tenorio xa non pasarán un calor excesivo. Están a piques de rematar os traballos de instalación dun sistema de climatización que, valorado en 15.000 euros, serán asumidos inicialmente polo Concello e despois serán devoltos pola Xunta.
Esta actuación se levou a cabo cando se cumpre xusto un mes desde que se detectara un problema de elevadas temperaturas, próximas aos 30 graos, polas vagas de calor do pasado mes de xuño.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que anunciou a inmediata colocación da climatización tras coñecer o problema e recibir o correspondente informe técnico, visitou os traballos na gardería xunto coa concelleira Galiza Aguete.
Este novo sistema, que evitará que ascenda a temperatura deste recinto cando se produzan vagas de calor e manterá un ambiente confortable, estase implantando nas catro aulas e no comedor, que son os lugares onde pasan o seu tempo os cativos.
O Concello vai recuperar o investimento nos vindeiros meses, xa que o Consorcio de Igualdade e Benestar, que é o titular desta escola infantil, vai detraer esta cantidade a prol das arcas municipais nas futuras liquidacións que se producen entre ambas institucións derivadas do funcionamento desta gardería.
Tras a súa visita ao recinto, Cubela explicou que esta situación de excesiva temperatura foi inesperada, xa que o inmoble recibiu varias melloras nos dous últimos anos e a súa funcionalidade e comodidade goza de louvanzas xeneralizadas.
En todo caso, o presidente municipal destacou que o goberno municipal actuou "a gran velocidade" para solucionar o problema en apenas catro semanas e "favorecer as mellores condicións para os cativos e a comunidade educativa".