A Lama reforma o parque infantil de Verducido e mellora a zona de lecer de Seixido
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o xefe territorial de Presidencia da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, visitaron este luns varias das obras que se están acometendo no municipio grazas ao Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Infraestruturas.
Entre elas estase reformando o parque infantil de Verducido para "satisfacer as necesidades tanto da poboación da Lama como das parroquias limítrofes", sinalou Canda.
Ademais dos xogos para os nenos instalaranse no lugar elementos biosaudables para maiores. Todo cun orzamento de 42.000 euros dos que o 80% son asumidos pola Xunta e o resto polo Concello.
Doutra banda en Seixido están a cambiarse as luminarias para gañar en eficiencia enerxética colocando novas luces con tecnoloxía LED, cun orzamento de 10.800 euros.
Na mesma parroquia están a realizarse obras de mellora do saneamento e estase recuperando unha área de lecer que se atopaba degradada co obxectivo de "poder executar no futuro un parque infantil que levará o nome do tenente de alcalde recentemente falecido, Juan Carlos Piñeiro", explicou o alcalde.
O montante destes traballos ascende a 60.500 euros, sufragados na súa totalidade pola administración autonómica.