Juan Carlos Piñeiro Teodosio terá unha praza co seu nome en Seixido
Por Redacción
Juan Carlos Piñeiro Teodosio, tenente de alcalde da Lama recentemente falecido, recibirá unha homenaxe en Seixido, unha parroquia na que impulsou diversas iniciativas como o saneamento e a urbanización dun novo espazo de aproveitamento público e foi presidente da comisión de festas durante anos. Precisamente, darase o seu nome a esa nova zona, hoxe habilitada como praza.
Segundo a información facilitada polo Concello da Lama, están a ultimar os preparativos para a inauguración oficial da praza, na que se descubrirá unha placa co nome de Juan Carlos Piñeiro Teodosio. O acto oficial terá lugar o vindeiro sábado 14 de xaneiro, a partir das 18.30 horas, e servirá tamén para inaugurar un parque infantil, outro biosaudable e un sistema de iluminación led de baixo consumo instalado na zona.
O alcalde, Jorge Canda Martínez, destaca que esta praza "é un dous moitos legados que deixa Juan Carlos aos seus veciños, non só en Seixido senón en todo o Concello da Lama". Segundo explicou, esta praza é o último dos proxectos que impulsou e agora "é unha merecida homenaxe á traxectoria intachable dun home que sempre estivo ao servizo dos seus veciños e era un orgullo para a súa familia e amigos".
A praza que se vai a inaugurar é o resultado do aproveitamento dun espazo público que se atopaba con moitos problemas de saneamento e ordenación. Agora, coa intervención do Concello da Lama en colaboración coa Xunta de Galicia, converteuse nun lugar para o goce interxeracional de nenos e maiores.
Ademais, o espazo dotouse de chan empedrado, bancos de madeira, mobiliario urbano e luminarias led de baixo consumo eléctrico que converteron un lugar que presentaba moitos problemas para os veciños nun espazo para o goce colectivo para os residentes na zona.