Educación acusa o alcalde de Ponte Caldelas de facer "política de antaño" utilizando electoralmente os colexios
Por Redacción
O xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, negou este luns as acusacións realizadas polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que sostén que a Xunta de Galicia discrimina ao seu concello no relativo ás obras acometidas nos colexios con respecto a outros municipios da zona gobernados polo PP. Pérez Ares rexeita tal afirmación e reprocha ao rexedor caldelano que realiza unha política "que nos parece de antaño" ao buscar enfrontamentos a través dun comedor escolar para conseguir réditos electorais.
O alcalde reprocha á Xunta que non avanzase no proxecto para ampliar o patio cuberto do colexio da Reigosa e habilitar un comedor escolar, ao que Pérez Ares responde que non se produciu ese avance, pero Educación si estudou o tema e ten intención de acometer a actuación, pero todo ao seu debido tempo, pois antes será necesario estudar a demanda dese comedor e buscar unha solución tecnicamente viable.
O Concello de Ponte Caldelas enviou a Educación un proxecto para o comedor que Pérez Ares sostén que non foi acordado nin consultado cos técnicos da Consellería e que propón ampliar unha zona do colexio que previamente era un patio e que foi adaptado hai uns anos como ximnasio. Trátase dunha proposta valorada en 50.000 euros e o xefe territorial sostén que sería a opción máis económica para a Administración autonómica, pero que non están de acordo con ela porque supoñería "poner un parche" que non axuda a solucionar os problemas reais do colexio.
Así, indica que a comunidade educativa queixouse xa dese recinto porque non dá a altura necesaria para os labores de educación física e ten no medio unhas columnas que impiden realizar as actividades normais dos alumnos. En opinión de Pérez Ares e do arquitecto xefe da xefatura territorial, Rafael Bouzas, ampliar ese recinto para construír un comedor implicaría incidir nun problema xa existente.
Ante tal situación, Educación falou coa asociación de pais do colexio da Reigosa para propoñerlle que nas primeiras semanas do curso fagan unha enquisa para saber a demanda real do servizo de comedor, algo que se fixo en todos os colexios de Galicia antes de habilitar o servizo. Tras coñecerse o resultado da mesma, propoñen pedir ao colexio se existe outro espazo no recinto escolar no que se poida crear un comedor e, se o hai, crealo aí e deixar o ximnasio tal e como está. No caso de que non o houbese, optaríase por instalar o comedor escolar no actual ximnasio e empezar os trámites para buscar terreos e construír un novo ximnasio.
Pérez Ares achegou este luns datos para acreditar que non existe discriminación da Xunta cara a Ponte Caldelas. Desde o ano 2009 destináronse 98.790,47 euros a obras de reforma na Reigosa e este mesmo ano 2016 a Xunta achegou a maiores 3.000 euros para arranxos no centro realizados en colaboración co Concello. Ademais, lembra a Andrés Diaz que o pasado mes de maio asinouse un convenio entre o Concello e Educación no que non mencionou o servizo de comedor.
Relacionadas:
-
Volta ao cole sen incidentes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Enfado coa Xunta en Ponte Caldelas despois de que Educación confirmase que non haberá comedor
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas denuncia "discriminación" da Xunta co colexio da Reigosa e o PP devólvelle a pelota
Por Redacción |