Unha noite de 400 test de alcoholemia e só un positivo
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Hai escasos días, a Dirección General de Tráfico (DGT) indicaba que detectara un cambio no comportamento dos condutores que supuxera un descenso significativo dos positivos detectados en controis preventivos de alcoholemia. Esta semana, a Policía Local de Pontevedra puido comprobalo, ao detectar en toda a fin de semana unha porcentaxe de positivos do 0,36 por cento.
Nas xornadas de venres, sábado e domingo realizáronse controis ao longo de distintos momentos do día e someteron á proba a un total de 1.100 condutores, dos que catro deron un resultado positivo, o 0,36.
Segundo os datos facilitados pola Policía Local, durante a noite deste domingo 14 a este luns 15, axentes municipais realizaron controis preventivos en varios puntos da cidade, nos que someteron á proba de consumo a 400 condutores. Deles, tan só un deu un resultado positivo, isto é, o 0,25 por cento dos condutores controlados.
As estatísticas refírense a unha noite en particular e non se poden considerar como a norma, pero si constatan esa tendencia ao descenso de positivos constatada pola DXT nas estradas españolas, onde no último decenio os condutores que circulaban superando a taxa de alcol en sangue pasaron do 5,1 ao 1,6%.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, quixo felicitar os condutores por estes datos pontevedreses, que significan que "a xente asume a responsabilidade de que vai coller o coche e non bebe" e, en xeral, que "gozan da festa con respeto".
O alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. De feito, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en 2015 en accidentes de tráfico deron positivo en alcol, drogas e psicofármacos nun 43,10% dos casos, unha porcentaxe que sobe ata o 46,37% no caso de peóns falecidos pola mesma causa.