Queridos veciños, así serán as obras en Javier Puig
Por Diego Torrado
A rúa Javier Puig, unha das perpendiculares a Benito Corbal que comunica coa rúa San Antoniño, tamén terá obras este verán. A noticia xa se sabía, pero agora os veciños da zona e cidadáns afectados polos traballos coñecen todos os detalles. Foi despois dunha reunión que mantiveron na tarde noite deste martes cos concelleiros pontevedreses Luís Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña na contorna do Hospital Provincial.
Un nutrido grupo de veciños respondeu á convocatoria realizada polo concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará, para presentar o proxecto de Javier Puig, informar de calendarios de obra e incorporar as suxestións de última hora que os veciños propuxeran.
Traballadores da empresa E.C.Casas, adxudicataria da reforma por un importe de 334.556,23 euros, empezarán a executar a actuación este mesmo mércores co obxectivo de facer unha reurbanización de toda a rúa, así como traballos aparentemente invisibles como a renovación da rede de auga, saneamento, iluminación e demais servizos que se atopan soterrados.
Luís Bará lembrou que estas son obras importantes na parte central da cidade e que se complementan con outras xa feitas como a praza do Hospital ou Blanco Porto.