Os máis pequenos de Santa Cristina de Cobres participan na recuperación medioambiental dun vertedoiro
Por Redacción
Uns corenta nenos do colexio infantil de Barciela, en Santa Cristina de Cobres, participaron na plantación dunha vintena de árbores autóctonas, dentro do proxecto de recuperación mediambiental dunha parcela próxima ao cemiterio desta parroquia.
Tratouse neste caso de castiñeiros para producción de castaña de calidade, nogueiras e cerdeiras, que sustituirán ao vertedeiro no que se convertera esta parcela duns 2000 m2 nos últimos anos.
Esta actuación, desenvolvida o pasado venres 15 de febreiro, é froito dun convenio de colaboración entre a Comunidade de Montes e o Concello de Vilaboa, que aportou aos obreiros municipais para axudar os nenos na plantación das árbores, ademáis da realización do proxecto.
Os comuneiros de Santa Cristina de Cobres investiron nesta actuación preto de 2.000 euros. Ademáis dos membros da Xunta Rectora da Comunidade de Montes, participaron neste acto o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Madrazo.
A Comunidade de Montes agradeceu a colaboración dos mestres e escolares da parroquia co obsequio dunha pequena nogueira para que plantasen nas súas vivendas.