Comuneros de Vilaboa denuncian o roubo de madeira
Por Redacción
A Xunta Rectora dos comuneiros de Santa Cristina de Cobres, no Concello de Vilaboa, denunciará nas vindeiras horas ante a Garda Civil unha nova tala de eucaliptos non autorizada no monte comunal desta parroquia.
Neste caso o roubo de madeira produciuse no monte de Castiñeiras, nas beiras da pista forestal que une a estrada provincial Castiñeiras San Lourenzo coa pista do monte das Barreiras.
Membros da Xunta Rectora desta comunidades de montes descubriron o roubo mentres acompañaban a persoal da empresa encargada de actualizar o plan de ordenación do monte comunal, na realización do traballo de campo do proxecto.
As árbores taladas rondan a ducia, a Xunta Rectora descoñece se noutros enclaves do monte se produciron este tipo de actuacións ilegais. Ademáis das árbores sustraídas ilegalmente, o derrube destas desfixo un tramo de valado dunha plantación de robles e algunhas destas plantas.
O xeito de actuación destas persoas, que cortan as árbores á beira das pistas, sen recoller o mato sobrante provoca o atascamento das cunetas co conseguinte deterioro dos viais.
A Xunta Rectora dos comuneiros de Santa Cristina aumentará a vixiancia do monte comunal para evitar este tipo de actuacións, xa que sospeitan que a finalidade desta madeira non é o uso particular, senón a venda de leña rachada a domicilio, unha actividade en aumento tras o encarecemento do gasoil para calefacción.