A administración electrónica chegou a Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu súmase á administración electrónica desde este venres. O primeiro punto no que se inaugurou foi o rexistro xeral, pero irase incorporando paulatinamente a todos os departamentos municipais, polo que "se farán os trámites con maior axilidade, transversalidade e seguridade".
Segundo informou o alcalde, Félix Juncal, a empresa adxudicataria xa comezou coa formación dos traballadores, de modo que o Concello convértese en pioneiro nesta área na comarca do Morrazo, adiantando a Cangas e Moaña.
O funcionamento da plataforma electrónica terá tres módulos: o de xestión administrativa, o de sede electrónica e o módulo de interoperabilidade. Este último integrará os sistemas, plataformas, aplicacións e ferramentas propias do concello alleas á organización.
O módulo de xestión administrativa afecta ao rexistro de entradas e saídas, rexistro de facturas, dixitalización, sinatura electrónica, catálogo de procedementos, xestión documental, arquivo e conservación, aplicacións para dispositivos móbiles e libros oficiais electrónicos, mentres que o de sede electrónica se aplica ao taboleiro de anuncios, perfil do contratante, verificación de documentos electrónicos, consulta de expedientes, notificacións electrónicas, pago telemático e portal de transparencia.