Bueu apúntase á administración electrónica
Por Redacción
Un total de 15.395,41 euros investirá o Concello de Bueu na implantación da administración electrónica no municipio. Serán uns traballos que levará a cabo a empresa Auloce S.A.U.
O servizo consiste no establecemento de ferramentas para a modernización da xestión de expedientes e posta en marcha da administración electrónica.
A súa execución realizarase a través dunha plataforma que se compón de tres módulos.
O módulo de xestión administrativa asumirá o rexistro de entradas e saídas, o rexistro de facturas, a dixitalización, a sinatura electrónica, o catálogo de procedementos, a xestión documental, o arquivo e conservación, ou as aplicacións para dispositivos móbiles e libros oficiais electrónicos.
O de sede electrónica coordinará o taboleiro de anuncios, o perfil do contratante, a verificación de documentos electrónicos, a consulta de expedientes, as notificacións electrónicas, o pago telemático ou o portal de transparencia; mentres que o módulo de interoperabilidade fará o mesmo coa integración dos sistemas, as plataformas ou as aplicacións e ferramentas propias do concello alleas á organización.
Esta medida adóptase para dar cumprimento á Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que estableceu como un novo dereito da cidadanía a posibilidade de utilizar medios electrónicos nas súas relacións coas administracións públicas.
Por iso, esta implantación inclúe tanto a relación cos cidadáns como a tramitación dos procedementos dentro da propia administración municipal.