Sen lista de espera para o Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción
A Concellaría de Benestar Social Municipal presta desde o inicio do mes de xullo maior número de horas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade da Lei de Dependencia, un incremento que se traduciu nun total de 6.000 horas e no fin das listas de espera no servizo.
Segundo informa o Concello, deste servizo beneficiaranse ao mes a partir de agora arredor de 110 persoas na modalidade B, que se presta a xente conforme á Lei de Dependencia e está financiado entre a Xunta e o Concello. Ata o mes de xullo, había 73 persoas adscritas ao SAF A, e 57 ao SAF B. O SAF A está financiado exclusivamente con fondos municipais.
No mes de maio a Consellería de Benestar Social comunicou ao Concello de Pontevedra que incrementaba a financiación do SAF B duplicando o número de horas que se ían prestar a partir do 1 de xullo. Pasaríase de 3.000 horas ao mes a 6.000.
Este cambio obrigou á Concellaría de Benestar Social Municipal a modificar a previsión de solicitude de fondos á Xunta de Galicia para financiar este SAF B que realizou no mes de marzo, pois naquel momento o Concello estimaba que o custe do SAF B sería de 532.062 euros, dos cales a Xunta achegaría 343.380 euros e o Concello, 188.682 euros. Agora, co aumento de horas, o servizo terá un custe de 847.692 euros, dos cales a Xunta fará unha achega de 547.080 euros e o Concello, 300.612 euros.
A Xunta de Goberno local aprobou este martes estes novos fondos e o expediente será remitido á Xunta de Galicia para que confirme a achega do pago do SAF B. Xunto coas novas contías, tamén se solicita a incorporación dun traballador social máis para reforzar o servizo, xa que duplica o seu traballo.
Segundo os cálculos municipales, o Concello acabará ofrecendo arredor de 90.000 horas ao ano de servizo (entre o da Lei de Dependencia e o Municipal) e eliminará a lista de agarda que había. Aínda que son listas que fluctúan cada día, estímase que 110 persoas recibirán o Servizo de Axuda no Fogar de Dependencia, e 53 o municipal.
Relacionadas:
-
O servizo de Atención Domiciliaria de Urxencia estréase atendendo unha persoa maior que caeu na súa casa
Por Redacción |
-
Cidadáns denuncia a prórroga á empresa encargada do Servizo de Axuda ao Fogar
-
Críticas ao goberno local por "pechar as portas" aos traballadores do servizo de axuda no fogar
Por Redacción |
-
Tramitan unha nova adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar en Pontevedra
Por Redacción |
-
O servizo de axuda no fogar sumará 60 novos usuarios en Pontevedra
Por Redacción |