O servizo de Atención Domiciliaria de Urxencia estréase atendendo unha persoa maior que caeu na súa casa
Por Redacción
Unha persoa de avanzada idade que sufriu unha caída no seu domicilio e non podía ser atendida polos seus familiares estreou este martes o servizo de Atención Domiciliaria de Urxencia posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social Municipal para atender a persoas que, por diversas circunstancias, precisan dunha asistencia sociosanitaria na súa casa en calquera momento do día.
Este primeiro caso chegou ao coñecemento de Benestar Social a través dunha petición da Policía Local, que realizou unha primeira asistencia a esta persona porque tiña problemas de mobilidade e caera no seu domicilio. Os familiares que conviven con esta persoa non podían asistila pola súa idade avanzada, de modo que os axentes solicitaron a intervención deste novo servizo municipal.
Unha vez posto en marcha todo o protocolo, dúas auxiliares desprazáronse ao domicilio da persoa accidentada e realizaron, durante tres horas, un servizo de atención e aseo.
Rematada a intervención, todas as partes implicadas no servizo (auxiliares, Policía Local e usuarios) constataron o alto grao de satisfacción coa resposta e o servizo e a atención deste programa innovador e único en Galicia.
O servizo de Atención Domiciliaria de Urxencia é unha necesidade de atención sociosanitaria detectada polos servizos sociais a partir dos informes da Policía Local, que responde ás chamadas de auxilio de persoas que viven soas ou acompañadas de parellas de idade avanzada ou por persoas dependentes que non poden prestarlle a atención de carácter persoal ou doméstico necesaria. Case sempre as chamadas son de noite e proveñen de persoas de avanzada idade.
O apoio sociosanitario e doméstico iníciase exclusivamente a instancias da Policía Local que require o servizo. Préstase por expertos en servizos de axuda no fogar que realizan un diagnóstico rápido das necesidades de atención da persoa e dan traslado a un traballador (auxiliar doméstico) no menor tempo posible. Fanse as atencións domésticas e persoais de xeito inmediato, asegurándose de que a persoa atendida queda en bo estado de hixiene e seguridade, intentando lograr o acompañamento por parte dalgún familiar ou coidador.
As necesidades de atención preséntanse de xeito imprevisto, polo que o servizo poderá requirirse ás 24 horas do día dos 365 días do ano. Os responsables estiman que este servizo atenderá a unhas 30 persoas ao ano.