Carmela Silva quere que o PP se desculpe por facer perder á Deputación 10 millóns do seu financiamento
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou o seu enfado ante as declaracións do portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, na que esixiu desculpas ao goberno da Deputación de Pontevedra, tras coñecerse a decisión da Fiscalía de arquivar varias investigacións abertas ao redor de proxectos desenvolvidos durante a presidencia de Rafael Louzán, ao non achar indicios suficientes de delito.
Despois de detectar "irregularidades" na xestión dos proxectos das Pousadas do Salnés, o DepuTrans ou DepoGap o novo goberno provincial remitiu ao fiscal xefe da provincia, Juan Carlos Aladro, toda a información sobre estas actuacións, para que determinase se existía algún tipo de ilícito penal.
Ademais, o goberno que preside Carmela Silva tamén remitiu ao Tribunal de Contas estes proxectos que contaron con financiamento europeo e que no seu conxunto supuxeron investimentos de ata 35 millóns de euros.
Ángel Moldes lamentou que o goberno provincial perdido o tempo criticando a xestión de Louzán e asegurou que "con este arquivo alguén ten que saír e pedir perdón" porque entenden os populares que "o dano que se fixo foi moi importante" ao "xerar unha desconfianza" sobre estes proxectos que recibiron financiamento europeo.
Na súa resposta, Carmela Silva lembrou ao Partido Popular que as "irregularidades" da xestión de Louzán obrigan á administración provincial a devolver 3,6 millóns e revoga unha subvención de 6,1 millóns polo Depogap.
No seu escrito o fiscal apunta que existen "graves irregularidades", aínda que matiza que "en principio" non ve delito penal
Silva explicou que o arquivo das investigacións produciuse "fai tres meses" e puntualizou que no seu escrito o fiscal apunta que existen "graves irregularidades", aínda que matiza que "en principio" non ve delito penal.
Por todo iso afirmou a presidenta que son os deputados do Partido Popular os que "deberían estar a pedir perdón" polas perdas que a súa actuación supón para os veciños da provincia.
E insistiu en que a xestión destes proxectos está a estudala o Tribunal de Contas, a Unión Europea e o Goberno de España "que é o que fai un informe fulminante dicindo que houbo un uso indebido dos fondos europeos e por tanto que os temos que devolver".
"É gravísimo o que ocorreu co señor Louzán", engadiu Carmela Silva.
Nos últimos meses o goberno que encabeza Carmela Silva tentou salvar estes fondos comunitarios presentando alegacións, recursos e mantendo reunións, aínda que admitiu que "foi imposible salvalos porque eran indefendibles".
FACTURAS IFEVI
O portavoz do PP provincial, Ángel Moldes, tamén asegurou que resulta "sospeitoso" que "un día antes de que se publicase o arquivo da Fiscalía" a Deputación dese a coñecer a reclamación de 103.000 euros do Instituto feiral de Vigo (Ifevi) por facturas impagadas do anterior executivo.
Ángel Moldes indicou que "despois deste forte pau, que lles escoce, tentan ocupar espazos nos medios e ocultar o seu gran fracaso con outra gran mentira".
Relacionadas:
-
Unha sentenza evita que a Deputación teña que devolver 3,6 millóns da Unión Europea
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva considera un "insulto" a defensa do PP da xestión dos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Para o PP, se estivesen gobernando a Deputación os fondos europeos "non se perderían"
Por Alejandro Espiño |
-
Duro golpe á Deputación: perden 10 millóns da UE por "graves irregularidades" do goberno de Louzán
Por Alejandro Espiño |