Duro golpe á Deputación: perden 10 millóns da UE por "graves irregularidades" do goberno de Louzán
Por Alejandro Espiño
Dez millóns de euros, un 6% do orzamento anual da Deputación de Pontevedra. É a contía de fondos europeos que perdeu a institución provincial despois de que unha auditoría detectase "graves irregularidades" do goberno presidido por Rafael Louzán (PP) na tramitación e contratación dos proxectos DepoGap e Deputrans, dúas das iniciativas estrela do anterior executivo provincial.
E segundo o deputado Carlos López Font, isto pode ser só o principio doutras resolucións similares. Baixo a lupa das autoridades europeas -entre elas a oficina de loita contra a fraude- e do Ministerio de Facenda están outros proxectos xestionados polo goberno do PP como DepoTic e as Pousadas do Salnés.
Todo iso será posto en coñecemento da Fiscalía por se destas actuacións se poden derivar responsabilidades penais.
O proxecto DepoGap, que pretendía mellorar os servizos públicos provinciais implantando unha xestión intelixente baseada nas novas tecnoloxías, foi un dos primeiros en ser investigado. Unha resolución do Ministerio de Facenda confirma a perda de 6.155.000 euros que os fondos FEDER destinaran a este proxecto, un diñeiro gastado xa pola Deputación de Pontevedra e que non será reembolsado.
Entre outras irregularidades, detectouse que dos 8,8 millóns de euros investidos nesta iniciativa só se xustificaron 1,5 millóns, e que un proxecto que debía estar finalizado o 16 de marzo de 2015 e tiña un prazo de execución de seis meses contratouse apenas unha semana antes do límite legal. Ademais, advírtese de "graves defectos" no procedemento de contratación que se levou a cabo no seu momento.
Pero o caso do proxecto Deputrans é, segundo López Font, "aún más grave" porque é a oficina europea de loita contra a fraude a que aprecia "irregularidades" na contratación pública desta iniciativa para instalar minidepuradoras no ámbito do río Miño. A partir dese momento, realizou un "control exhaustivo" deste expediente. E finalmente, chegou a sanción que lles obriga a devolver 3.633.000 euros dos fondos europeos recibidos.
No seu informe, este organismo conclúe que existen irregularidades na subministración das máquinas depuradoras, identificáronse "discrepancias" coa localización das devanditas máquinas, cuéstionanse as asistencias técnicas contratadas para redactar o proxecto, impútanse gastos de execución sen xustificar, utilizouse de forma "impropia" os procedementos de urxencia na contratación e non se comprobou a execución das obras.
"¿Qué no se habrá hecho en otro tipo de situaciones si se hace con proyectos europeos?", preguntouse Carlos López Font
Neste asunto, ademais, Facenda denuncia que só o 11% dos 4,8 millóns de euros que se ían a investir neste proxecto está "debidamente xustificados".
"¿Qué no se habrá hecho en otro tipo de situaciones si se hace con proyectos europeos?", preguntouse Carlos López Font, ao lembrar os esixentes mecanismos de control que rexen a xestión dos fondos que reparte a UE entre os seus estados membros.
Para o goberno provincial, este escándalo é o "acta de defunción" dunha forma "indecente" de facer política, a "antítesis de lo que debe ser un político", xa que o deputado socialista lembrou que o goberno que presidía Louzán "no solo cometía errores sino que se ocultaban a la ciudadanía", algo que segundo lembrou "ahora podemos decir con énfasis" porque foi ratificado pola Unión Europea e o Ministerio de Facenda.
PIDEN RESPONSABILIDADES A LOUZÁN E O PP
Máis aló da "nefasta" xestión destes proxectos, o deputado socialista reclamou a Louzán e ao PP que asuman as súas responsabilidades políticas. Por iso, López Font esixiu que o expresidente provincial "explique esta situación" e abandone de forma inmediata o seu cargo como asesor dos populares, ao entender que é "indigno" que siga cobrando 44.000 euros anuais cando a súa xestión política provocou este "grave perjuicio" á institución.
"Cada día que pase Louzán cobrando es, política y éticamente, una vergüenza. No conozco una situación más vergonzosa que esa", engadiu o deputado do PSdeG-PSOE.
Ademais, López Font ve tamén "responsabilidades" nos dezaseis deputados do PP no pasado mandato, algúns deles presentes na actual corporación, xa que este tipo de procedementos eran aprobados na Xunta de Goberno; e por último esixen ao novo presidente do PP pontevedrés, Alfonso Rueda, explique "claramente" como vai actuar ante estes feitos e que medidas vai adoptar no seu partido.
Relacionadas:
-
Unha sentenza evita que a Deputación teña que devolver 3,6 millóns da Unión Europea
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva quere que o PP se desculpe por facer perder á Deputación 10 millóns do seu financiamento
Por Oskar Viéitez |
-
O IFEVI reclama á Deputación 103.000 euros en facturas impagadas da época de Louzán
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva considera un "insulto" a defensa do PP da xestión dos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Para o PP, se estivesen gobernando a Deputación os fondos europeos "non se perderían"
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva levará á Fiscalía a xestión de Louzán
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A lentitude burocrática pon en perigo un proxecto europeo de 6,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |