O IFEVI reclama á Deputación 103.000 euros en facturas impagadas da época de Louzán
Por Alejandro Espiño
Un concerto da Orquestra Panorama e cinco edicións do concurso de rondallas. Son as seis actividades polas que a Deputación de Pontevedra alugou as instalacións do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). E tras usalas, non as pagou. Iso é o que denunciou este xoves Carmela Silva, despois de que o organismo reclamase 103.000 euros en facturas impagadas da época de Louzán, entre os anos 2010 e 2014.
"Estou abraiada polas barbaridades que facía o anterior goberno", asegurou a presidenta da Deputación, antes de detallar os conceptos das facturas que reclama o IFEVI. Elas súmanse, dixo, aos "centos de miles de euros" que o bipartito debe aprobar cada certo tempo en recoñecementos extraxudiciais de crédito.
En concreto, entre os 103.000 euros reclamados polo instituto feiral vigués aparecen 12.000 euros dun concerto da orquestra Panorama e 91.000 euros que non se abonaron polo aluguer das instalacións para celebrar ata cinco concursos de rondallas, o último deles en xaneiro de 2014.
Esta última factura é a única que poderá cobrar o IFEVI porque, segundo Silva, "o máis grave é que o resto están prescritas", o que lle xerará un importante problema á institución feiral "porque non van poder recuperar eses cartos". En todo caso, a presidenta recoñeceu estar "sorprendida" de que tardasen tanto tempo en presentar as facturas, que entraron por rexistro o pasado 27 de xuño.
"Esta é a xestión de Louzán," reiterou Carmela Silva, que cargou tamén contra a actual portavoz do PP, Nidia Arévalo. Ela, lembrou, foi moi crítica ante o que consideraba unha falta de apoio da nova deputación a este concurso de rondallas. "Nós xa pagamos o concurso deste ano e eles comprometían e non pagaban", dixo Silva.
Carmela Silva, neste sentido, sinalou que "algún estaría mellor calado porque as mentiras sempre se volven en contra dun".
Relacionadas:
-
Carmela Silva considera un "insulto" a defensa do PP da xestión dos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Para o PP, se estivesen gobernando a Deputación os fondos europeos "non se perderían"
Por Alejandro Espiño |
-
Duro golpe á Deputación: perden 10 millóns da UE por "graves irregularidades" do goberno de Louzán
Por Alejandro Espiño |