Xunta e Defensa reeditan a operación "Centinela Gallego" para a prevención de incendios forestais
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou este venres que "a próxima semana" asinarase o convenio co Ministerio de Defensa para a posta en marcha da operación "Centinela gallego", destinada á prevención dos incendios forestais en Galicia.
Ángeles Vázquez fixo este anuncio en Pontevedra acompañada do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no transcurso do acto de cesión temporal por parte da Dirección Xeral de Emerxencias a Medio Rural de dous vehículos cisterna e tres motobombas para o servizo de extinción de incendios.
As patrullas da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable "Galicia" VII (BRILAT) xunto ao Terzo Norte de Infantería de Mariña desenvolven esta operación que se iniciou no ano 2007.
O pasado ano despregáronse 450 militares que tiveron como misións principais o manter presenza disuasoria, vixiar as zonas asignadas, proporcionar información temperá aos servizo de extinción de incendios, notificar as actividades relacionadas con incendios ou incidentes ás Forzas e Corpos de Seguridade, e en última instancia, ante a comisión flagrante dunha actividade delituosa, a detención dos presuntos autores.
O pasado mes de abril, a Brilat recibiu a gravata da Orde do Mérito Civil de mans do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, nun recoñecemento, entre outras razóns, pola súa vixilancia dos montes durante o verán.
Respecto da campaña contra incendios deste verán a titular de Medio Rural sinalou que "nestes momentos xa temos 16 helicópteros e dous avións, as brigadas de Seaga contratadas", polo que apuntou que "o operativo está en marcha" engadindo que "desexamos que se faga o menos necesario posible".
Pola súa banda, Alfonso Rueda explicou que está previsto que os vehículos cisterna de 30.000 litros tamén atendan eventuais situacións de seguía ou desabastecemento.
Relacionadas:
-
Alerta temperá da Brilat sobre 22 incendios ou conatos en dúas semanas
Por Redacción |
-
Vinte patrullas da Brilat xa vixían os montes galegos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Brilat volve esta semana ao monte por décimo ano consecutivo para unirse á campaña de prevención de incendios
Por Redacción |
-
Están protexidos os montes ante a tempada de máximo risco de incendios?
Por Diego Espiño |
-
A campaña contra o lume amplía vixilancia e introduce máis drons
Por Redacción |
-
A recuperación do coto de Ponte Caldelas permitirá abrilo á caza antes de tempo
Por Oskar Viéitez |