Telmo Martín ofrece unicamente a SAL un pacto de goberno en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
O portavoz do Partido Popular no Concello de Sanxenxo, Telmo Martín, compareceu este xoves en rolda de prensa para ofrecer un pacto de goberno a SAL, o partido do alcalde Gonzalo Pita.
O actual goberno de Sanxenxo está conformado polos catro concelleiros da formación Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), os tres edís do BNG e un concelleiro do Partido Socialista. O PP ten oito edís e completa a corporación o concelleiro independente, Roberto Agís.
A proposta de Telmo Martín diríxese unicamente a SAL.
Na súa comparecencia o exalcalde popular afirmou que "Sanxenxo non vai ben e ten pinta de que vai ir peor". Na súa análise da situación política da vila turística dixo que o tripartito non funciona porque "oito concelleiros poden ser suficientes para sair do paso pero non para gobernar Sanxenxo, que é moi complexo", afirmou.
Por isto Telmo Martín instou "aos catro concelleiros de SAL, a que pensen no mellor para os veciños de Sanxenxo" ofrecendo un "diálogo sincero, que poida desembocar nun goberno estable e eficaz".
O portavoz do grupo municipal do PP de Sanxenxo, anunciou que "estamos dispostos a dialogar desde a xenerosidade para que niguén se sinta perxudicado", e co propósito de que "o interese xeral de Sanxenxo prevaleza por enriba de calquera cousa".
"Todo se pode falar e contemplar, se as partes que se sentan son conscientes das oportunidades", concluíu Telmo Martín.