A Xunta licita as obras para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-531 en Barro
Por Redacción
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuníase este venres 10 co alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, e cos representantes da plataforma veciñal para indicarlles que xa se atopan licitadas as obras de mellora da seguridade viaria na estrada Pontevedra-Baión, a PO-531 ao seu paso por este municipio de Barro.
A Xunta investirá máis de medio millón de euros na mellora deste tramo e as obras están previstas para o último trimestre do ano. A Xunta ten previsto levar a cabo unha nova acción en materia de seguridade viaria na zona da Devesa e conta con terminar a redacción do proxecto durante este verán.
Ethel Vázquez afirmou que estas obras mellorarán a seguridade na zona de acceso ao polígono de Sequeiros. Os traballos consistirán na construción dunha glorieta na zona de acceso á infraestrutura industrial, co fin de evitar os xiros que se producen desde o carril central actual e axudará a reducir a velocidade nesta estrada, unha das principais causas de accidentes neste punto, segundo a Consellería.
Tamén se abordará a rehabilitación do firme de lacalzada no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros. Habilitaranse paradas de autobús e beirarrúas na zona da rotonda, renovarase a drenaxe e acometeranse melloras na iluminación e na sinalización da vía.