Movemento pola Defensa das Pensións Públicas nace en Pontevedra para que "non nos rouben o nivel de vida"
Por Redacción
Varios dos integrantes do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN) coñecéronse na clandestinidade nos anos 60, agora cren que deben volver xuntarse para defender o que entenden que é seu e levo moitos anos de loita: o estado de benestar.
Por este motivo, este mércores 8 a partir das 20.00 horas no local do Centro Leste, fronte ao colexio Sagrado Corazón, este colectivo presentarase cunha charla á que queren convidar a todos os grupos políticos e tamén a todos os cidadáns porque consideran que os recortes e as decisións económicas do goberno prexudican aos parados de longa duración e tamén aos xubilados que, afirman, están a perder o seu "nivel de vida".
Manuel Alfonsín González, José Luis Calvo, Modesto Souto e Vitoria Portas indicaron que este colectivo está integrado por un centenar de persoas de distintas localidades como Cangas, Vigo, Bueu ou Marín, ademais de Pontevedra, onde naceu.
E o obxectivo é que se estenda por todos os puntos de Galicia en coalición con outras plataformas no resto do Estado que tamén están a alertar sobre a perda de poder adquisitivo. Queren desmentir ao goberno e sinalan que se lles están roubando as pensións cando existen outras fórmulas para evitar recortes neste concepto. Por este motivo, queren mobilizarse e concienciar á sociedade.