Os xubilados saen á rúa en defensa das pensións
Por Mónica Patxot
Xubilados e pensionistas saíron este martes á rúa para secundar a mobilización convocada polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Publicas (Modepen) para denunciar a actual situación do sistema público de pensións, que consideran que ten un "alto risco" de desaparecer, pero ten solucións e alternativas "reais e totalmente factibles".
A marcha, que partiu da praza da Peregrina, forma parte da xornada de loita polo sistema público de pensións que Modepen ten convocado en todo o Estado, na que fan reivindicacións de carácter legal, económico e social.
A voceira de Modepen en Pontevedra e asesora en seguridade social, Victoria Portas Mariño, xustificou a necesidade de saír á rúa apelando a datos como o feito de que desde o ano 2011 existe un recorte do 2,8% nas pensións e que, co novo veto de PP e Ciudadanos, o poder adquisitivo das pensións vai reducirse no ano 2017 nun 3,74%.
As previsións que fai este colectivo falan de que o 72% dos xubilados cobrarán pensións por debaixo dos mil euros e o 49% deles, menos de 700 euros. E, ademais, alertan de que a situción irá a peor se os salarios seguen baixando e seguen financiando a seguridade social a través das cotizacións sociais.
Entre as reivindicacións deste colectivo, figura restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos, a xubilación anticipada sin penalizar, a recuperación do subsidio para maiores de 52 anos, a integración dos reximes especiais en todos os ámbitos, unha pensión mínima de 1.080 euros como fixa a Carta Social Europea, a revalorización automática das pensións en relación co IPC real, a recuperación económica do perdido dende 2011, a homologación das prestacións cos niveis europeos e a modificación do tope mínimo no caso de doble pagador.
Relacionadas:
-
Piden aos grupos municipais que apoien a "blindaxe constitucional" das pensións
Por Redacción |
-
RADIO.- "Hai alternativas para garantir as pensións. A política do medo non é válida"
Por Marisa Ciordia |
-
Movemento pola Defensa das Pensións Públicas nace en Pontevedra para que "non nos rouben o nivel de vida"
Por Redacción |