Os pequenos científicos amosan as súas habilidades na Feira da Miniciencia
Por Redacción
Escolares pontevedreses amosan dende este venres as súas habilidades científicas e o resultado de meses de investigacións na Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra. Déronse cita na III Feira da Miniciencia, que se prolongará tamén durante a xornada deste sábado 4 para ensinar os proxectos realizados por máis de 300 nenos do municipio. Os nenos teñen posibilidade de amosar o seu traballo e coñecer os que fixeron outros compañeiros do seu mesmo colexio e de outros.
A través de distintos stands instalados tanto no interior como no exterior da facultade, os participantes este venres amosaron as súas investigacións. Ademais, puideron participar nunha serie de actividades complementarias como 'Robotix', que lles permite construír, programar e por en marcha robots, ou 'Ciencia na cociña', un obradoiro impartido polo alumnado e profesorado do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra.
Os participantes puideron investigar as propiedades da auga e como facer unha depuración, o grupo Divulgare da Universidade de Vigo explicoulles cales son as causas e consecuencias do declive de 'polinizadores' e puideron participar nun obradoiro de arquitectura, unha exposición sobre morcegos para aprender a mirar con outros ollos a estes mamíferos voadores ou un laboratorio sonoro de creación de música electrónica. Con motivo do Ano internacional das legumes, tamén se lle ofreceu un obradoiro de nuñas no que a Misión Biolóxica de Galicia do CSIC sita Pontevedra expuxo as súas investigacións.
A Feira da Miniciencia supón o colofón da terceira edición de Pontenciencia, un proxecto do Concello e da comunidade educativa que ten como obxectivos falar de ciencia desde o próximo; espertar entre o alumnado de Primaria o interese pola experimentación e a ciencia; e achegar a Universidade á cidade e abrila aos escolares e as súas familias. Antes de chegar á presentación en sociedade dos proxectos no campus, realizáronse obradoiros de formación no método científico aos alumnos de quinto e sexto de Educación Primaria, e ás familias que quixeron participar cos seus fillos de entre 7 e 12 anos.
Este sábado amosaranse os proxectos realizados na cateoría de 'Ciencia en familia', pero antes os escolares xa tiveron oportunidade este venres de amosar ao resto da comunidade educativa e ao público en xeral os seus proxectos realizados dentro da categoría de 'Ciencia no cole' nos colexios de San Martiño, A Xunqueira I, Marcos da Portela, Parada-Campañó, Froebel, Ponte Sampaio e San Benito de Lérez.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que visitou a feira coa concelleira Carmen Fouces e o vicerreitor do campus, José Manuel Corbacho, amosou a súa sorpresa pola calidade e creatividade dos experimentos alí amosados e destacou que esta actividade é "un paso superior dentro do ensino" ao "estimular a creatividade dos alumnos". Pola súa parte, mesmo recoñece que sente "envexa sana", pois na súa etapa formativa "non había isto" e tiña que experimentar "por libre", cando agora teñen oportunidade mesmo de exponer as súas investigacións aos demais escolares.
Recoñece o traballo dos escolares, pero lembra tamén que non sería posible se os profesores de ciencia dos distintos colexios "non tiveran ese interese formativo excepcional que teñen aquí" e que permite que os nenos vaian máis alá das materias clásicas. O Concello organiza e patrocina a actividade, pero Lores insiste en que non sería unha realidade sen a implicación dos escolares e dos profesores que "xeran esa inquedanza nos nenos para que avancen un pouco máis das materias clásicas".