Mulleres científicas para axudar a concienciar sobre a igualdade aos universitarios pontevedreses
Por Redacción
Nove mulleres foron recoñecidas dende o ano 2006 co Premio 'María Josefa Wonenburger', que resalta as traxectorias relevantes nos eidos das ciencias e da tecnoloxía. Usando o seu exemplo, a Xunta de Galicia quere buscar unha maior concienciación social das achegas feitas polas mulleres galegas a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía. Para conseguilo, este luns inauguraron unha exposición na Casa das Campás sobre as súas figuras.
A exposición xa se realizou noutros campus da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, conta coa colaboración da Vicerreitoría de Pontevedra, de modo que foi inaugurada pola secretaria xeral da Igualdade, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e a directora da Unidade de Igualdade de Xénero da Universidade de Vigo, Anabel González Penín.
Na inauguración, Susana López Abella destacou a importancia da iniciativa para visibilizar figuras senlleiras e actuais femeninas no mundo da arquitectura, das novas tecnoloxías, das ciencias e que os estudantes universitarios, tanto mulleres como homes, adquiran conciencia tanto de ata onde poden chegar as mulleres como da importancia de afianzar as vocacións en carreiras científicas.
Respecto disto, a secretaria xeral indicou que se detectou nos últimos anos un "retroceso na opción de carreiras científica por parte das rapazas", pois en anos anteriores chegou a haber un 31% de mulleres en carreiras científicas, pero actualmente baixou ata o 11%. Lamenta este retroceso porque son moitas veces as carreiras que teñen máis futuro á hora das colocacións, pero tamén por ser algunhas das que teñen maior recoñecemento social.
Esta actividade enmárcase nas accións da Xunta de Galicia para promover a igualdade entre homes e mulleres e loitar contra a violencia de xénero. Ao respecto, López Abella recoñece que "a imaxe estereotipada que se están lanzando nas redes sociais e os medios de comunicación é difícil de contrarrestar".
Así, insistiu en que a igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. E só se se favorecen con igual énfase a esixencia, o esforzo e a excelencia, nun marco de igualdade de oportunidades, haberá individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro.