O Concello non recomenda ningún estudo de arquitectura para a ITV de edificios
Por Oskar Viéitez
Ante a confusión dalgúns veciños da cidade, o Concello de Pontevedra viuse na necesidade de aclarar que non está a recomendar a ningún grupo de arquitectura para realizar os informes de avaliación de edificios.
A concelleira de urbanismo, Carme da Silva, explicou en rolda de prensa que un estudo de arquitectura está a enviar cartas ás comunidades de veciños e propietarios de edificios da cidade nas que ofrecen os seus servizos. O problema está en que o formato da misiva é similar ao que empregan as comunicacións oficiais do Concello.
Da Silva sinalou que esta carta non utiliza o nome do Concello nin un selo ou escudo oficial, pero igualmente "ten aparencia dunha carta oficial e leva a confusión dalgúns propietarios".
O comunicado deste estudo de arquitectura cita o articulado da ordenanza municipal reguladora do informe de avaliación de edificios, lembrando aos destinatarios que deben pasar a inspección este ano.
Nos últimos días algunhas comunidades de propietarios dirixíronse ao Concello para preguntar por esta empresa para contratar o informe.
A tenente de alcalde insistiu en que o Concello non recomenda a ningún arquitecto para facer estes informes nin ten a ningunha empresa contratada, xa que cada propietario é libre de encargar este traballo ao técnico cualificado que considere oportuno.