A ITV de edificios retomarase con lixeiros cambios na normativa
Por Alejandro Espiño
A ordenanza municipal de inspección de edificios, suspendida desde hai uns meses, retomarase proximamente. Así o confirmou a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva. Pero farao con algúns cambios, para adaptarse a unha sentenza do Tribunal Constitucional relativa a unha normativa similar impugnada en Cataluña.
A asesoría xurídica do Concello acreditou que a ordenanza pode ser aplicada parcialmente. Mantén a súa vixencia no relativo ás actuacións para a conservación e a accesibilidade dos edificios, pero non con respecto á eficiencia enerxética. Ademais, o réxime de sancións debe ser anulado e asumir o que fixa a Lei do Solo de Galicia.
Así, a coñecida como ITV de edificios será revisada artigo por artigo polos técnicos municipais, retirando da súa redacción as cuestións que chocan coa sentenza do Constitucional e mantendo as que si cumpren con esta resolución. Tras ese traballo será trasladada de novo ao pleno para a súa aprobación.
Ademais, tamén se deberá aprobar unha modificación no calendario de inspección, para permitir aos propietarios que cumpran as súas obrigacións de conservación sen colapsar os servizos urbanísticos.
Neste sentido, adiantou que aqueles edificios que deberían ser revisados antes do 31 de decembro de 2016, e que non o fixeron tras suspenderse a aplicación da ordenanza, terán un novo prazo para facelo dentro deste ano. Tamén terán novos prazos o resto dos edificios que deben cumprir esta ITV en anos sucesivos.
Relacionadas:
-
O certificado de eficiencia enerxética será voluntario na nova ITV de edificios
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban un decálogo de medidas para axilizar os trámites urbanísticos no Concello
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello non recomenda ningún estudo de arquitectura para a ITV de edificios
Por Oskar Viéitez |