Coñeces a Enfermidade Inflamatoria Intestinal? O sábado tes unha cita no Pazo
Por Redacción
Co obxectivo de concienciar á sociedade da discapacidade invisible do colectivo de persoas con enfermidades intestinais e dar visibilidade a estas patoloxías, este sábado 14 de maio a Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII) organiza no Pazo da Cultura de Pontevedra a primeira xornada informativa para pacientes e coidadores 'Coñezo a Enfermidade Inflamatoria Intestinal?'.
Esta xornada, que conta coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial de Pontevedra, organízase con motivo da conmemoración, o vindeiro 19 de maio, do Día Internacional das Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII). A entrada é de balde ata completar aforo.
Os obxectivos da xornada son, ademais, aproximar a realidade destas patoloxías ás persoas afectadas, os seus familiares e coidadores; desenvolver habilidades de comunicación para saber reaccionar ante os cambios de saúde e ánimo dos afectados por estas enfermidades; e dar visibilidade ante a sociedade destas patoloxías.
O programa pretende responder ás preguntas e consultas das persoas con enfermidade de crohn e colite ulcerosa, unhas patoloxías das que na área sanitaria de Pontevedra hai uns 1.200 docentes ao ano. Segundo os datos facilitados este xoves na presentación das xornadas, o incremento anual destas patoloxías é de 120 pacientes.
Aínda que a idade de diagnóstico adoita darse na adolescencia e a primeira etapa da idade adulta, entre os 15 e 40 anos, un de cada dez novos casos son menores de 15 anos. O problema de detectar a enfermidade en persoas tan novas é que "hai máis risco de que a súa evolución sexa peor e teñan máis complicacións", tales como un atraso e ata interrupción no crecemento ou un gran impacto físico e emocional nos adolescentes.