Verán sen canoas na praia de Portocelo
Por Redacción
Non haberá canoas na praia de Portocelo durante este verán. Na apertura das plicas dos servizos da tempada estival nas praias do Concello de Marín, este lote quedou deserto, segundo a información facilitada polo goberno local.
A mesa de contratación admitira na primeira convocatoria todas as solicitudes presentadas para a explotación dos distintos servizos nos areais e durante a mañá deste mércores 11 abriuse o sobre que contén a oferta económica.
O quiosco da praia de Portocelo foi adxudicado por un canon de 4.674 euros á oferta, seleccionada entre catro, de Silvia Martínez. Para o quiosco da praia de Mogor presentáronse 6 ofertas e adxudicouse a Luís Parada por 3.699 euros. Xainza será a empresa encargada do servizo de hidropedales de Mogor cun canon de 1.111 euros.
O quiosco de Aguete explotarase por un canon de 1.400 euros, mentres que o de Loira será por un canon de 3.800 euros e o do Santo adxudícase por unha cifra de 1.200.
Agora, o Concello de Marín notificará a concesión e requirirá a documentación pertinente para iniciar a prestación da actividade durante o verán.