Fomento comezará "de xeito inminente" a construción do enlace de Calvelo
Por Redacción
O Ministerio de Fomento vai comezar "de xeito inminente" as obras de construción do enlace de Calvelo, en Cotobade, pertencente á estrada N-541.
Así llo informou a ministra Ana Pastor aos alcaldes, Jorge Cubela e José Balseiros, nunha xuntanza celebrada este mércores en Madrid e na que tamén participou o secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño.
O alcalde de Cotobade expuso as necesidades do seu municipio á titular estatal e recibiu o compromiso de que os proxectos e estudos de obra dos enlaces de acceso aos lugares de Cutián e O Cádavo dende a N-541 vanse licitar tamén de xeito inminente.
No caso de Cutián, onde residen 250 veciños, reducirase o actual acceso de 4 quilómetros pola PO-231 a menos de 800 metros, mentres que en O Cádavo tamén diminuirá considerablemente a entrada e saída do lugar, que neste momento precisa dun percorrido de 5 quilómetros dende a N-541.
Así mesmo, Jorge Cubela tamén informou á ministra sobre a necesidade de suprimir as obras de mellora da N-541 ao seu paso pola parroquia de Viascón, xa que as mesmas son rexeitadas pola práctica totalidade dos veciños e ademais o goberno local considera que non aportarán ningunha mellora circulatoria nin de seguridade. Ana Pastor, segundo comentou Cubela, explicoulle que o departamento técnico segue a estudar o caso e comprometeuse a trasladarlle unha resposta nun prazo breve de tempo.
Pola súa banda, José Balseiros tamén abordou coa ministra cuestións relativas ao seu municipio.
Os dous alcaldes indicaron que esta xuntanza trilateral responde ao seu desexo de "conseguir as mellores condicións de seguridade e tránsito para a estrada N-541 co obxectivo de favorecer aínda máis a vertebración dos dous territorios", unha circunstancia que consideran de "vital importancia" para potenciar as sinerxias entre ambos municipios.
Relacionadas:
-
Cubela axiliza as actas previas para acadar a derradeira finca afectada pola construción do enlace de Calvelo
Por Redacción |
-
Cotobade pídelle a Fomento un aparcadoiro no enlace de Calvelo
Por Redacción |
-
Fomento inicia as obras de mellora de trazado na estrada nacional N-541, entre Couto e Pedre
Por Redacción |
-
Fomento redactará un proxecto para crear unha senda peonil entre Calvelo e Tenorio
Por Redacción |
-
Os veciños de Viascón trasladan a súa preocupación pola reforma prevista por Fomento na N-541
Por Oskar Viéitez |
-
Cotobade solicitará que se segregue a reforma da N-541 en Viascón
Por Redacción |