Novos sinais e valado para a área arqueolóxica de Tourón
Por Redacción
A área arqueolóxica de Tourón e a praia da Calzada terán a súa sinalización turística completamente renovada en breve. O Concello xa ten adquiridos os novos indicadores, o que valoraron como unha mellora que agradecerán especialmente os visitantes que se acheguen a estes dous espazos.
Por outra banda, o Concello está a tramitar unha subvención da deputación provincial para a reparación completa do valado da área arqueolóxica, que se atopa moi deteriorado despois de anos de abandono, anticipa o alcalde.
Non obstante, todas as actuacións neste espazo protexido van ser comunicadas previamente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta co obxectivo de cumprir a normativa autonómica.
RESPOSTA ÁS CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz afirma que estas actuacións evidencian o "infundado" das críticas do grupo municipal do Partido Popular, "pois se ben é certo que hai deficiencias, estas derivan dos déficits de xestión heredados do anterior equipo de goberno no eido turístico".
O alcalde aclara que o Concello decidiu non concorrer diante da convocatoria da Axencia Galega de Turismo para mellora de infraestruturas turísticas a pequena escala "pola súa inseguridade xurídica e económica".
Afirman dende o goberno local que foron os propios técnicos municipais os que advertiron de que esta convocatoria, ao estar baseada exclusivamente no Manual de Sinalización Turística de Galicia, podería entrar en conflito coa normativa patrimonial da Consellería de Cultura para áreas arqueolóxicas no apartado de sinaléctica.
Por outra banda, Andrés Díaz considera "necesario" aclararlle ao PP que non se perderon 120.000 euros de subvención, porque a propia convocatoria pon un tope máximo de 50.000 euros. A cantidade final depende dun "ambiguo baremo" e, en todo caso, non se coñecería ata finais de ano, pois o prazo para resolver co que conta a Axencia Galega de Turismo é de 5 meses. Así as cousas, o Concello de Ponte Caldelas podería terse metido nun investimento contando cunha subvención que, chegado o caso, podería denegarse.
Aínda máis, a convocatoria exclúe as obras de mantemento, "polo que boa parte do que parecía preocupar aos concelleiros do PP na praia da Calzada non era subvencionable". Ademáis, os concellos quedaban obrigados a a acreditar a titularidade dos terreos a través da Secretaría municipal, o que faría inviable a colocación dos sinais na contorna do areal fluvial caldelán.
"Un cúmulo de circunstancias que demostran que non actuamos a capricho, senón priorizando e atendendo aos intereses xerais dos veciños de Ponte Caldelas", conclúe Andrés Díaz, quen anima ao PP a consultarlle todas as súas dúbidas "e a non perder de vista que executar as mesmas obras a un prezo menor e con maior seguridade xurídica non é exemplo de desleixo, senón de aforro e de bo goberno".