A oferta de traballo como camareira en Sanxenxo esixía "relaciones esporádicas" co xefe
Por Oskar Viéitez
Polo menos dúas mulleres, unha en Sanxenxo e outra en Vigo, presentaron este mércores unha denuncia particular relacionada coa publicación dunha oferta laboral de contido sexista na web Milanuncios.com na que se demandaba unha camareira para Sanxenxo "guapa, simpática, con don de gentes, buen pecho y mínima experiencia".
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández Agraso, acompañou ao cuartel de Sanxenxo á moza desta localidade que recibiu resposta ao anuncio, na que entre cousas, o xestor do mesmo expoñíalle que necesitaba ver o seu corpo antes de decidir a súa incorporación á empresa.
A continuación a resposta engade, literalmente, "comprendes lo que implica la oferta, verdad?, de ahí la alta remuneración, 3.200 euros más incentivos, según valía e implicación personal con el director (relaciones esporádicas), gracias".
A Garda Civil dispón xa de copia das respostas orixinais ás demandas de emprego, nas que consta o nome da persoa que responde, un correo electrónico e mesmo unha referencia a unha empresa. A investigación levará a cabo a nivel estatal co obxectivo de constrastar posibles denuncias interpostas en cuarteis doutras localidades.
Neste sentido Fernández Agraso fai un chamamento a todas as mulleres que se interesaron por esta pseudo oferta laboral e recibisen resposta a que presenten denuncia individual, que se some á de oficio que xa interpuxo o Concello de Sanxenxo, a fin de poder esclarecer que hai detrás deste anuncio.
En tan só 12 horas o polémico anuncio recibiu máis de 13.300 visitas
Sandra Fernández Agraso reiterou que a Concellería de Igualdade "actuará con contundencia" ante calquera anuncio ou reclamo, que degrade á muller ou busque intercambiar un posible posto de traballo por favores sexuais.
"O anuncio foi mudando nos dous días que permaneceu activo, e mentras ao principio buscaba só captar rapazas para un suposto traballo de camareira, logo xa foi introducindo outro tipo de conceptos sexistas, machistas, mezquinos e denigrantes", dixo a edil.
Sandra Fernández Agraso móstrase convencida de que tras o anuncio non hai oferta laboral algunha e que a intención do anunciante era utilizar "a marca e ou nome Sanxenxo para obter un maior número de respostas".
De feito, en tan só 12 horas o polémico anuncio recibiu máis de 13.300 visitas.
Sandra Fernández Agraso, que ademais de denunciar os feitos ante a Garda Civil púxoos en coñecemento da Secretaría Xeral de Igualdade e do Observatorio Estatal de Violencia de Xénero, recibiu unha chamada da secretaria xeral felicitándoa pola prontitude coa que reaccionou o Concello de Sanxenxo.