Denuncian ante a Garda Civil unha oferta de traballo en Sanxenxo que pedía camareira con "buen pecho y mínima experiencia"
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández Agraso, denunciou este martes ante a Garda Civil e ante a Secretaría Xeral de Igualdade o contido dun anuncio por palabras publicado na web Milanuncios.com e do que se fixeron eco as redes sociais.
TEXTO DO ANUNCIO "Necesitamos contratar camareras de barra fines semana noches para locales de copas para la temporada Primavera/Verano Sansenxo 2016. Buscamos un perfil de camarera guapa, simpática, trabajadora, don de gentes, buen pecho y mínima experiencia. Te ofrecemos excelentes condiciones laborales, buena remuneración (100€/noche), posibilidad de pasar a formar parte de nuestro equipo de camareras para todo el año. Escríbenos, te esperamos.
Fernández Agraso solicita na súa denuncia que se rastrexe o anuncio, no que se pide unha camareira para un local nocturno que teña "buen pecho y mínima experiencia", a fin de localizar á persoa que o contratou e esclarecer se realmente trátase dun empresario de hostalería de Sanxenxo.
E é que ademais de tachar de "machista e intolerable" o contido desta mensaxe, Sandra Fernández Agraso sospeita que se está utilizando o nome de Sanxenxo como reclamo nunha posible falsa oferta de traballo, causando así un "dobre dano", xa que entende que tamén afecta á "marca Sanxenxo" e ao sector empresarial.
Por iso, e á espera de que a denuncia presentada ante o cuartel da Garda Civil de Sanxenxo derive nunha investigación que esclareza que se oculta tras este nocivo anuncio, Sandra Fernández Agraso recomenda "non responder a ningunha oferta laboral que encerre connotacións sexistas ou machistas".
Finalmente, insisten en que o Concello de Sanxenxo non está disposto a tolerar e que denunciará reiteradamente as veces que sexa necesario este tipo de condutas.