Os cambios en Barcelos reducen nun 61% o tráfico en todo este ámbito urbano
Por Redacción
Os datos avalan, segundo o goberno municipal, a peonalización parcial de Barcelos e os cambios introducidos na mobilidade de todo este ámbito da cidade. Máis de 3.700 vehículos accedían a esta praza cada día só para buscar unha praza de aparcamento, un tráfico que desapareceu nas últimas semanas.
Así o indican os aforadores instalados pola Policía Local nas rúas perimetrais e na propia praza de Barcelos.
Segundo confirma a Policía Local, con estes primeiros datos constátase que a circulación de axitación -é dicir, aqueles condutores que están dando voltas buscando un sitio para estacionar- supoñía arredor do 61% da circulación total na praza, é dicir uns 3.719 vehículos ao día.
En xaneiro, rexistráronse cada día 6.082 vehículos na praza; mentres que tras os cambios aplicados a circulación reduciuse a 2.363 condutores diarios.
Ademais, tamén se viu reducido o tráfico en Perfecto Feijóo, aínda que dun modo máis tímido. Pasouse de 9.384 vehículos diarios a 9.022, unha redución dun catro por cento.
A Policía Local tamén instalaron aforadores na rúa Cobián Roffignac para determinar o fluxo de vehículos entre Benito Corbal e Rouco, e entre Rouco e Santa Clara, onde tamén perciben unha significativa diminución do tráfico, especialmente no último tramo, pero non se coñecerán ata dentro duns días.
Esta actuación de Barcelos é a primeira das medidas que se irán desenvolvendo na propia praza nos vindeiros meses. Está previsto actuar na rúa Rouco para ampliar os espazos para os peóns, actuar na propia praza ampliando o parque e instalando outros elementos de xogo, deporte e lecer e mellorando o enlousado, o mobiliario urbano, as zonas verdes e o pavimento das vías da praza, que se atopan en mal estado.
Ademais, a reforma emprendida en Barcelos tamén será o punto de saída doutras melloras que o Concello xa estuda facer noutras céntricas rúas da cidade antes do verán como a transformación en espazo de preferencia peonil de rúas como Cruz Gallástegui, Castelao ou Daniel de la Sota, unha actuación que levará aparellada un cambio da mobilidade en toda a zona.
Relacionadas:
-
Empezan a instalar as novas pistas deportivas de Barcelos
Por Redacción |
-
Barcelos contará con dúas pistas polideportivas con porterías e canastras
Por Redacción |
-
Entre San Xoán e San Bieito reformaranse Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota
Por Oskar Viéitez |
-
Redúcese o tráfico diario da Rúa do Rouco en 1.800 vehículos tras a semipeonalización de Barcelos
Por Redacción |
-
Moreira reúne a veciños e comerciantes para analizar os cambios no centro urbano
Por Redacción |
-
Veciños e comerciantes de Barcelos avaliarán os cambios na praza
Por Alejandro Espiño |
-
Revolución na circulación do centro da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
A comunidade escolar de Barcelos fai novas achegas para a reforma da praza
Por Redacción & Mónica Patxot |