As mellores tapas de Sanxenxo, do 13 de maio ao 12 de xuño
Por Redacción
Volve Sanxenxo Degusta TAPAS. O certame gastronómico celebrará a súa nova edición do 13 de maio ao 12 de xuño, segundo avanzou o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro.
Para este certame, abriuse o período de inscricións para os hostaleiros do municipio, que serán de novo gratuítas. O prazo concluirá o próximo 26 de abril.
Todos os participantes servirán as súas propostas tradicionais e creativas, elaboradas con produtos autóctonos galegos, a un prezo único de 2 euros. E cunha novidade este ano xa que poderán engadir unha tapa doce, como sobremesa, tamén ao prezo de dous euros, con consumición aparte.
Do mesmo xeito que en anteriores convocatorias, poderán concorrer aqueles locais que estean dados de alta como restaurante, cafetería ou bar, presentando un máximo de dúas elaboracións, coas que optarán a algún dos premios concedidos tanto por un xurado popular como por un profesional.
Para emitir o seu voto o público deberá visitar polo menos cinco establecementos, dándolle dereito a entrar nos sorteos e agasallos que se entregarán ás persoas que se acheguen a degustar as tapas.
Ademais, Turismo de Sanxenxo emprenderá diferentes accións de difusión do certame, de maneira que os participantes aparecerán nos folletos, carteis e 'degustamapas' e terán unha presenza destacada na páxina web da sociedade municipal e nas redes sociais.
Os responsables de restaurantes, bares, cafeterías, entre outros, que desexen sumarse esta edición deberán inscribirse na sede de Turismo de Sanxenxo, situada no Porto Deportivo Juan Carlos I, ou ben a través do correo electrónico info@turismodesanxenxo.com.
Todos os locais adheridos a este concurso participarán nun concurso no que se outorgarán tres premios en cada unha das dúas categorías que se convocan. Así, un xurado popular premiará as mellores tapas tradicionais, creativas e doces, mentres que un xurado profesional formado por cociñeiros, xornalistas, blogueiros e outras personalidades do mundo gastronómico designará outros tres premios polos mesmos conceptos.
SANXENXO DEGUSTA DRINK
Nas mesmas datas celebrarase a quinta edición de Sanxenxo Degusta DRINK. Neste concurso estableceranse dúas categorías, estando dedicada unha delas aos combinados sen alcol, que se servirán a un prezo de 2,5 euros, mentres que a outra xirará ao redor dos cócteles con alcol, que custarán 3 euros.
Turismo de Sanxenxo tamén entregará agasallos ao público que se some a esta acción esixindo tan só a degustación de tres cócteles á hora de participar nos sorteos, mentres que a entrega dos demais obsequios efectuarase coas mesmas condicións que o concurso de tapas.
Relacionadas:
-
'Sanxenxo Degusta TAPAS', a piques de superar as 12.000 racións vendidas
Por Redacción |
-
As 'PequeTapas' súmanse á oferta de Sanxenxo Degusta Tapas
Por Redacción |
-
Sanxenxo, capital das tapas ata o 12 de xuño
Por Redacción |
-
A volta a Sanxenxo en 80 tapas
Por Redacción |
-
Tritón, Bar Berberecho, La Taberna de Rotilio e Ollares da Ría, gañadores de Sanxenxo Degusta Tapas
Por Redacción |
-
33 locais de Sanxenxo despachan 13.000 tapas e ingresan 60.000 euros
Por Redacción |