O novo convenio para a reforma de Luis Rocafort aprobarase a próxima semana
Por Alejandro Espiño
A obra de reurbanización da avenida Luís Rocafort dará a próxima semana un paso fundamental. A Xunta de Goberno da deputación provincial aprobará o novo convenio co Concello de Sanxenxo para poder comezar os trámites de licitación da obra, despois de proceder a rescindir o contrato coa empresa Dragados que ía executar a reforma planificada polo goberno anterior.
Esta rescisión, tomada de mutuo acordo coa empresa, non terá custo algún para as arcas provinciais. Dragados renunciou á indemnización que lle correspondía, entre o 3 e o 6% do total da obra. Só recuperará a fianza depositada, uns 35.000 euros.
Segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, o proxecto exposto polo executivo de Louzán era "tremendamente defectuoso", xa que ademais de non contar con parte dos terreos necesarios para esta reforma urbana, "o máis preocupante" é que os servizos da zona "non estaban estudados".
Así, o novo deseño terá un custo de 1,6 millóns de euros. Mosquera explicou que se fixo unha modificación "moi profunda" do proxecto. Con el, esperan resolver os problemas de mobilidade e seguridade viaria de todo este ámbito.
Entre os motivos que xustifican este encarecemento atópanse o aumento nun 30% da superficie de actuación, que agora abarca a totalidade da rúa, uns 12.400 metros cadrados. A urbanización inclúe a conexión coa estrada autonómica PO-308, polo que se descarta a opción de construír un túnel como sopesara o anterior goberno provincial.
Ademais a urbanización da rúa atenderá aos novos criterios de calidade contemplados no decálogo da Deputación, que inclúen a revisión de todos os servizos, así como numerosas medidas de seguridade e mobilidade peonil, entre outras sete pasos de peóns elevados e entre 60 e 70 luminarias -antes só estaban previstas 14 farois-.
A Deputación volverá a licitar a obra co obxectivo de adxudicala canto antes e que a obra poida iniciarse en setembro. O prazo de execución contemplado é de 12 meses.
Relacionadas:
-
A mesa de contratación coñecerá este mércores as ofertas económicas para realizar as obras de Luis Rocafort
Por Redacción |
-
A avenida Luis Rocafort de Sanxenxo estará reformada en 2017
Por Redacción |
-
A Deputación e o Concello de Sanxenxo selan o acordo para a reforma da Avenida Luis Rocafort
Por Redacción |
-
A urbanización completa da avenida Luís Rocafort sairá de novo a licitación
Por Oskar Viéitez |
-
A voltas coa avenida Luis Rocafort, o PP de Sanxenxo exerce de Santo Tomás
Por Redacción |