Veciños e comuneiros de Vila de Arriba ceden terreos para mellorar o vial de acceso
Por Redacción
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, reuníuse cos veciños do lugar de Vila de Arriba, na parroquia de Santa María de Sacos, e acadou a cesión dos terreos necesarios para a mellora e ensanchamento da pista municipal que dá acceso a este núcleo dende a estrada N-541.
Ademais de conseguir o acordo con todos os propietarios afectados, o rexedor local tamén conseguíu o mesmo compromiso da comunidade de montes.
O procedemento negociador emprendido polo rexedor local verá a luz ao longo desta semana, que será cando os veciños asinen formalmente a cesión da superficie necesaria mediante convenios. A consecución de todos os terreos afectados culminarase un pouco máis adiante co último acordo, que será o da comunidade de montes e que precisa ser refrendado pola súa asamblea. Esta sesión, de carácter extraordinario, será convocada polos comuneiros neste mes de abril.
Tras a adquisición gratuíta dos terreos por parte do Concello, a tramitación continuará o seu proceso coa licitación da obra, que favorecerá o tráfico e a seguridade viaria dunha pista bastante estreita na que existen problemas de simultaneidade de vehículos e que figura como unha das prioridades do goberno local.
A actuación, que xa dispón do pertinente permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, consistirá na mellora e o ensanchamento dun treito duns 1.600 metros que serve de acceso ao núcleo de Vila de Arriba dende a N-541. A obra, de gran calado, conta cun orzamento de 153.000 euros e a previsión do goberno cotobadés pasa por executala ao longo do presente exercicio.
“Quero agradecer a sensibilidade e predisposición dos veciños de Vila de Arriba, que van facilitar os terreos necesarios para esta obra de xeito desinteresado porque entenderon perfectamente que se trata dunha necesidade perentoria para mellorar o acceso á súa aldea”, explicou Cubela, que agradeceu a predisposición que está atopando, incluso dende antes de ser alcalde, de todos os veciños de Cotobade para aportar terreos cando é necesario acometer algunha infraestrutura.
“Creo que o pobo de Cotobade é o mellor exemplo do que debe ser a cidadanía, esixente cos seus representantes e, ao mesmo tempo, moi flexible á hora de facer aportacións para o interese xeral”, concluíu.