As contas da concellería de Cultura, Festexos e Xuventude do ano 2015 poden consultarse na web municipal
Por Redacción
As contas correspondentes ao ano 2015 da Concellería de Cultura, Festexos e Xuventude poden ser consultadas polos cidadáns que o desexen na web municipal
A partir da semana próxima, Roberto Carlos Agís publicará tamén nesta páxina os gastos e ingresos derivados das últimas edicións da Festa da Raia, co obxectivo de que os cidadáns coñezan con detalle as contas deste departamento.
Cabe destacar que durante o primeiro semestre do ano a Concellería axuntaba os departamentos de Cultura e Educación, polo que aparece un capítulo destinado aos colexios, que xa que no segundo semestre están incluídos na de Educación.
Sobre o orzamento de Cultura para o ano 2015 cabe destacar que a Concellería pechou o pasado exercicio cun superávit de 46.421,33 euros, xa que do crédito inicial de 830.470,40 euros designado para esta Concellería, recoñecéronse no primeiro semestre 281.019,59 euros e no segundo 503.029,48 euros, facendo un montante total de 784.049,07 euros.
O orzamento de Cultura de 2015 divídese en diferentes apartados, como son o Centro de Arte, o Pazo Emilia Pardo Bazán, os colexios de Dorrón e Nantes, o Usos Múltiples de Portonovo, outros centros culturais e as bibliotecas de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga, ademais de contar con partidas específicas para actividades culturais, do Pazo e Festas.
A través da web os veciños terán a posibilidade de consultar con detalle os gastos de cada un destes apartados, comprobando como na maioría pechouse o ano cun saldo positivo mentres que noutros é negativo (persoal e investimentos no Pazo Emilia Pardo Bazán, a biblioteca de Portonovo e Actividades Culturais) polo que foi necesario realizar unha transferencia de crédito desde unha partida con excedente.
"Este era un dos meus compromisos cos cidadáns, poñer á súa disposición as contas para que saiban en que se gasta o diñeiro da Concellería de Cultura e xa poden consultalas a través da web", dixo o edil.
Roberto Carlos Agís fará o mesmo a próxima semana cos datos económicos relativos á Festa da Raia. "Creo que é un exercicio de transparencia que os cidadáns demandan e creo que teñen dereito a saber en que se gasta a administración o seu diñeiro".