Unha de cada catro faltas de pagamento en Pontevedra son por recibos do IBI
Por Alejandro Espiño
Un total de 3.756.000 euros recadou o Concello de Pontevedra pola vía executiva en 2015. É un dato lixeiramente superior ao do ano anterior, pero que non chega ao ingresado entre os anos 2010 e 2013. É o diñeiro que corresponde a todos os contribuíntes que non pagaron voluntariamente impostos e taxas municipais varias e que foi reclamado a través da empresa Recyges, encargada deste servizo.
No último ano, cobráronse 32.097 valores entre recibos e liquidacións. A maior parte destas débedas correspóndense cos anos 2014 e 2015, pero o Concello tamén logrou ingresar 827 euros que corresponden a catorce faltas de pagamentos que se arrastraban desde os exercicios 1997, 1998 e 1999.
De novo, o IBI é o imposto que máis diñeiro deixa nas arcas municipais por esta vía executiva cun total de 1.031.000 euros, un 27% do total das débedas que se saldaron no último ano.
Pola súa banda, case 725.000 euros corresponden a falta de pagamentos dos recibos de auga e lixo, 592.000 euros á viñeta dos vehículos, 577.000 euros a recargas e xuros varios e outros 256.000 euros a multas de tráfico.
Hai ademais cantidades importantes por débedas relacionadas con veladores, o imposto de actividades económicas, o IVE, vados, servizos de extinción de incendios, valos publicitarios ou postos en feiras e mercados.
EMBARGOS
Para poder cobrar este diñeiro, en moitas ocasións, a empresa Recyges tivo que efectuar embargos varios en contas bancarias e bens dos debedores.
Así, embargáronse 6.818 contas bancarias a través das que se recadaron case 716.000 euros. Deles, o embargo levantouse nun prazo de vinte días para 153.000 euros, despois de que os morosos pagasen o diñeiro debido ou se xustificase que eran cantidades inembargables, segundo a lei. Neste caso atopáronse 822 debedores.
Outros 336 pontevedreses viron embargado parte do seu soldo en 2015 por algunha débeda contraída coa administración municipal, mentres que outros 1.447 contribuíntes viron embargadas devolucións de Facenda por valor de 432.000 euros.
Ademais, expedíronse 93 ordes de captura de vehículos e a Policía Local chegou a precintar outros nove. O Concello, por outra banda, poxou dous coches embargados. E no caso dos inmobles, notificáronse as dilixencias de embargo a 95 persoas.