Unha débeda de 1997, entre os 3,61 millóns que ingresou o Concello en 2016 pola vía executiva
Por Alejandro Espiño
Un total de 3.618.797 euros recadou o Concello de Pontevedra pola vía executiva en 2016. Trátase dunha cantidade similar á recuperada no pasado exercicio que, a través da vía executiva, chegaron 3.756.000 euros ás arcas municipais.
Todo ese diñeiro corresponde a débedas contraídas por contribuíntes que non pagaron, voluntariamente no seu día, os impostos e taxas municipais que deberían abonar e que foi reclamado a través da empresa Recyges, encargada deste servizo.
No último ano, cobráronse 30.623 valores entre recibos e liquidacións. A maior parte das débedas que saldaron corresponden a recibos impagados en 2015 e 2016, pero o Concello tamén logrou cobrar 77 euros que debía un contribuínte desde o exercicio 1997 e outros 702 euros que procedían de nove cargos nos anos 2000 e 2001.
O IBI, o imposto que grava as propiedades inmobiliarias, volve ser un ano máis o que xera máis falta de pagamentos e, como consecuencia, tamén máis ingresos pola vía executiva. Así chegaron 1.133.679 euros, un 31,32% do total das débedas saldadas no último ano.
Outros 688.643 euros corresponden a falta de pagamentos dos recibos de auga e lixo, 578.309 euros á viñeta dos vehículos, 562.408 euros a recargas e intereses varios, 260.496 euros a multas de tráfico, 101.527 euros polo imposto de plusvalía e outros 76.129 euros polo imposto de actividades económicas.
O informe recolle ademais outras cantidades importantes ingresadas por débedas relacionadas con veladores (32.632 euros), o IVE (24.543 euros), vaos (36.672 euros), o imposto de construcións e obras (26.105 euros), valos publicitarios (16.723 euros), postos en feiras e mercados (22.373 euros) ou servizos de extinción de incendios (4.936 euros).
Esta é só unha parte do diñeiro que Recyges reclamou en 2016 en nome do Concello de Pontevedra. En total, os recibos tramitados por falta de pagamento ascenden a 5.005.319 euros. Con estas cifras, a 21 de decembro de 2016, Pontevedra arrastra unha débeda ao seu favor de case 28 millóns de euros.
EMBARGOS
Como vén sendo habitual cada ano, para poder cobrar este diñeiro a empresa Recyges tivo que ordenar o embargo en contas bancarias e bens dos contribuíntes que non pagaron os seus tributos de forma voluntaria no período correspondente.
Así, logrouse recadar uns 675.256 euros ao decretarse o embargo de 5.078 contas bancarias. Deles, o embargo levantouse nun prazo de vinte días para 121.000 euros, despois de que os morosos pagasen o diñeiro debido ou se xustificase que eran cantidades inembargables, segundo a lei.
Outros 236 pontevedreses viron embargado parte do seu soldo en 2016. Trátase dunha cifra reducida, tendo en conta que se ordenou trabar as retribucións de 2.987 persoas. Non foi posible na maioría dos casos por non estar xa traballando, por cobrar menos da contía legal embargable ou por xa ter embargos anteriores sobre as súas nóminas.
Ademais, deuse orde para embargar 90 vehículos, expedíronse 54 ordes de captura para coches e a Policía Local chegou a precintar outros 20 -dos cales se levantou o embargo sobre 16 ao pagar a débeda-. O Concello, por outra banda, poxou dous coches embargados e ten outros catro pendentes de adxudicación.
No caso dos inmobles, notificáronse as dilixencias de embargo a 72 persoas e presentáronse 53 anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Pontevedra; mentres que outros 1.208 contribuíntes viron embargadas as súas devolucións de Facenda por un total de 342.216 euros.