Sanxenxo e a Mancomunidade do Salnés venderanse como destino turístico en Berlín
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e Mancomunidade do Salnés estarán representados entre o 8 e o 10 de marzo na feira de turismo ITB de Berlín. O alcalde sanxenxino, Gonzalo Pita, acudirá en representación da Mancomunidade do Salnés despois de serlle delegadas as competencias en Turismo e presidirá unha misión comercial organizada polo Cluster de Turismo na que tamén participará o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS).
Alemaña é, xunto a Reino Unido e Francia, un dos principais mercados emisores de turistas, por iso é polo que Sanxenxo e a Mancomunidade do Salnés apostan este ano por unha acción promocional neste país. Sanxenxo levará material promocional en alemán do destino que se elaborou por primeira vez neste idioma para acudir a este evento.
Gonzalo Pita estará acompañado polo concelleiro de Turismo de Sanxenxo, Jesús Sueiro, e a delegacón preparou unha apertada axenda de reunións con operadores de turismo alemáns co obxecto de aproveitar ao máximo a feira. Teñen xa confirmados encontros con axencias de Berlín, Frankfurt e Münich e con empresas especializadas na organización de viaxes.
O Concello de Sanxenxo lembra a través dun comunicado que España é o destino líder para os alemáns e Alemaña é un dos mercados máis importantes do mundo para o turismo en España e mostra unha tendencia positiva, un sector profesional moi forte na operación de viaxes e pautas de consumo e organización da viaxe diferenciais en relación a outros mercados. Estas son as razóns polas que Sanxenxo opta pola promoción na ITB 2016.