O petote volve reclamar o seu protagonismo no Entroido pontevedrés
Por Redacción
O petote é un dos produtos máis singulares do cocido de Entroido e como tal Cotobade quere que teña o lugar que lle corresponde dentro da cociña galega. Ese será o principal obxectivo da sétima edición da festa gastronómica que se celebrará o domingo 21 de febreiro no pavillón de Carballedo, cunha multitudinaria comida popular como eixo central do completo programa de actividades.
O Concello de Cotobade xa ten aberta a adquisición dos convites para esta comida popular, que terá un prezo de 15 euros para os adultos e que incluirá cocido completo con petote, café e sobremesa e, como novidade desta edición, unha botella de viño e auga cada catro comensais.
Tamén haberá un menú infantil, para menores de seis anos, a un prezo de cinco euros.
Todos eles poderán degustar este pequeno bolo de fariña, millo e algo de centeo amasado na auga do caldo e cocido nese propio elemento, servíndose despois como acompañamento do cocido, especialmente da cacheira que ten prato propio, acompañada de patacas e chourizo.
As persoas interesadas en asistir ao ágape, programado para as 14.30 horas, poderán mercar os convites, ata o venres 19 de febreiro, en once puntos de venda: Bar Conchi, Bodegón Dios, Casa Perdiz, A de Tucho, A Vosa Taberna, Casa Blanco e Café A Chan, todos eles no municipio de Cotobade; e Cervexería Donegal´s e Ernesto Filgueira en Pontevedra, Restaurante 501 en Ponte Caldelas e O Brasileiro na Lama.
De xeito paralelo á comida popular, e para aqueles que prefiran degustar o petote en familia ou con amigos, tamén se acordou estender a festa a algúns establecementos colaboradores do municipio. Así, os restaurantes A Raxadal e Casa Inés servirán o menú do petote, previa reserva, nos seus propios locais.
O programa de actividades da VII Festa do Petote, na que colabora a Deputación de Pontevedra, comezará ás 12.00 horas coa apertura do recinto no pavillón de Carballedo, no que haberá inchables para nenos, postos de venda de produtos galegos e un espazo de comida vexetariana e vegana de A Tenda da Gata. O evento comezará con música da man do grupo Foula.
Xa ás 13.00 horas haberá un showcooking de postres caseiros. Tras esta exhibición gastronómica darase paso á distribución dos petotes, a cargo da firma Catering Senín, para comezar a comida popular sobre as 14.30 horas. Durante os postres procederase ao sorteo dunha cesta de produtos galegos e o fin de festa volverá a estar protagonizado pola música con charanga Charandonga.
Finalmente, e co obxectivo de gañar difusión e asistencia a unha festa que en anos anteriores mobilizou a unhas 300 persoas, creouse un perfil oficial da Festa do Petote en Facebook para informar en tempo real de todas as novidades.