A Xunta culpa ao Concello de que os bombeiros de Pontevedra non atendan alertas de concellos limítrofes
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo este luns unha reunión con Andrés Díaz quen reclamou da Xunta un plan de emerxencias que rebaixe considerablemente os tempos de intervención no municipio posto que o actual, con base en Bueu, "resulta totalmente inoperante", segundo o rexedor pontecaldelán.
Nun comunicado oficial, a Xunta asegura que o alcalde de Ponte Caldelas trasladou a proposta de solicitar que os bombeiros de Pontevedra actúen no concello en caso de emerxencia, "ante a decisión tomada polo concello de non poñer en marcha un grupo de Protección Civil mancomunado ou un GES cos concellos da contorna".
O delegado territorial insistiu en que terá que negociar esta solicitude co concello de Pontevedra, "xa que temos a experiencia de que, ata en 4 ocasións, os bombeiros da capital da provincia non acudiron a alertas chegadas dende concellos limítrofes como o de Poio, polo que sospeitamos que será complexo que Ponte Caldelas poida chegar a un acordo neste senso".
Cores Tourís insistiu no feito de que "dende a Xunta non se poñen trabas para apoiar as emerxencias, como se demostrou no incendio de fai uns días na praza da Ferrería, ao que acudiu o parque de bombeiros do Morrazo e quedando en alerta o do Salnés".
Sobre este particular, dixo Andrés Díaz "a Xunta inhíbese das súas competencias e responsabilidades en materia de emerxencias e culpa ao Concello de Pontevedra da non existencia un servizo comarcal de intervención moito máis próximo aos municipios que conforman esta bisbarra".
Díaz criticou a actitude da Xunta neste tema que "non é máis que outra mostra da política de abandono de competencias e responsabilidades derivando todo o que pode cara aos concellos, marxinando aos cidadáns dos servizos básicos dos que son directamente responsables de ofrecelos e mantelos. Eles propoñen que se forme un Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) cando saben que os pequenos concellos como o noso non ten capacidade para manter instalacións e personal preciso para levar a cabo este servizo dun xeito operativo polo que tamén representa un novo episodio na continua deixación de funcións que fai a Xunta neste tema", indicou o alcalde.