Unha condutora sae da vía e queda suspendida sobre uns arbustos a piques de caer por un barranco
Por Redacción
Un accidente volveu poñer en dúbida este domingo o mapa de emerxencias que mantén ao Concello de Ponte Caldelas dentro da área competencial do parque comarcal de bombeiros do Morrazo, con sede en Bueu. Unha condutora saíu da vía co seu vehículo e quedou suspendida sobre uns arbustos a piques de caer por un barranco e a distancia entre o parque e o lugar do sinistro prolongou a situación de perigo durante unha hora máis.
O sinistro produciuse ao redor das 18.40 horas no lugar de Laxoso, en Ponte Caldelas. A muller conducía un turismo Toyota e, por causas que se descoñecen, saíu da vía e foi parar a uns arbustos con pouca consistencia que ten, xusto debaixo, un barranco que vai dar a un río. A inestabilidade do coche impedia que saíse polos seus propios medios a pesar de que non estaba atrapada, de modo que foi necesaria a intervención dos bombeiros.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 alertou aos Bombeiros do Morrazo e, segundo informaron eles mesmos, tardaron uns 40 minutos en chegar, dada a distancia entre ambos os puntos, preto de 50 quilometros. Cando chegaron tiveron que estabilizar o vehículo e, a continuación, utilizar unha escaleira extensible e todo o equipo de traballo nocturno para axudar á muller para saír do coche.
Unha vez fóra, a condutora, que circulaba soa no coche, foi atendida polos efectivos de Urxencias Médicas de Galicia 061 e trasladada a un centro sanitario. Os bombeiros e a Garda Civil de Tráfico seguiron coa intervención.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, desprazouse ata o lugar do accidente e criticou a tardanza dos Bombeiros do Morrazo en chegar ao lugar do accidente, pois asegura que non tardaron 40 minutos, senón máis dunha hora, algo "inaudito".
Desta situación non culpa aos profesionais do Corpo, senón ao actual mapa de emerxencias que sitúa este municipio na área de competencias do parque de Bueu. "Non é lóxico que desde a Xunta se nos asigne esta dotación, acuartelada en Bueu, a moitísimos quilómetros de nós e que por moito que corran sempre chegan tarde", criticou.
Na súa opinión, "tardar máis dunha hora en acudir a socorrer a unha persoa nunha situación de agobio e impotencia absoluta é non ter nada", pero ese non é o seu único motivo de indignación, senón que tamén critica o estado no que se atopa a estrada Laxoso-Augasantas. Asegura que hai moita indignación veciñal "polo enésimo accidente que se produce nesta estrada que é un auténtico punto negro da siniestralidade nas estradas da provincia" mentres a Xunta de Galicia ten "gardado nun caixón" o proxecto de mellora da estrada e leva máis de dous meses sen responder a una petición de reunión do alcalde para abordar o asunto.
Diaz pregúntase se "ten que haber unha morte para que se invistan os dous millóns de euros que contempla o proxecto de mellora da estrada".
Relacionadas:
-
A Xunta culpa ao Concello de que os bombeiros de Pontevedra non atendan alertas de concellos limítrofes
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas acusa á Xunta de "parapetarse en Cores Tourís" para "botar balóns fóra"
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz acusa á conselleira de infraestruturas de "demagoga" coa estrada Laxoso-Augasantas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas solicita á Xunta unha xuntanza urxente para abordar o problema da atención de emerxencias
Por Redacción |