Os xornalistas pontevedreses premian os Bombeiros e 'castigan' a ENCE e Rajoy
Por Redacción
Hai un día ao ano no que os xornalistas da cidade de Pontevedra aparcan por unhas horas o trafego diario, a tensión da actualidade e a sa competencia por buscar o mellor titular. Toca compartir mesa e mental na cea anual que o colectivo celebra para conmemorar o día do seu patrón, San Francisco de Sales.
E ese día, foi este venres. Máis de medio centenar de profesionais da información reuníronse en ElMundo de Sepo, no Centro Comercial A Barca, para celebrar este tradicional evento de confraternización que chegou á súa maioría de idade, tras 18 anos organizándose de forma consecutiva.
A cea, cuxa organización recaera por azar en Canal Rías Baixas, converteuse como sempre nunha agradable velada na que os compañeiros da prensa compartiron risas, confidencias e analizaron os asuntos da actualidade que marcaron os últimos meses da súa actividade profesional en Pontevedra.
No marco deste encontro, a prensa pontevedresa entregou os seus simbólicos premios anuais. O premio Laranxa, á persoa ou colectivo que mellor se portou cos xornalistas este ano, facilitándolles o seu traballo; e o premio Limón, que recoñece todo o contrario, aquela persoa física ou xurídica que se converteu nun quebradizo de cabeza durante os últimos doce meses.
O primeiro deles recaeu nos Bombeiros de Pontevedra, por esmagadora maioría. O esforzo realizado na extinción do incendio da Ferrería do pasado luns e, doutra banda, a súa permanente disposición a colaborar cos xornalistas da cidade e facilitar información sobre as súas actuacións fixéronlles merecedores deste recoñecemento.
O Limón, por outra banda, estivo algo máis disputado pero finalmente ENCE e Mariano Rajoy, pola decisión do goberno de conceder a prórroga á pasteira, foi a opción gañadora. Moitos votos acumulou tamén María Rey, portavoz de Ciudadanos, e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, pero ningunha delas tanto como o binomio elixido, que acumulou preto dun terzo dos votos.
A festa continuou ata ben entrada a madrugada polo centro histórico de Pontevedra e coa promesa de volver xuntarse o próximo ano.