Comuneiros e ciclistas sentan as bases para un entendemento
Por Oskar Viéitez
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este sábado un encontro aberto entre comuneiros e ciclistas, no que tamén participaron representantes da Xunta, cazadores, Garda Civil e expertos xuristas.
O punto de partida foi evidente: o rexeitamento inequívoco de calquera medida que se tomase para facer dano aos usuarios do monte. Todos, sen ningún tipo de matiz, pediron que caia "todo o peso da lei" sobre aquelas persoas responsables de poñer trampas no monte "xa que supoñen un verdadeiro acto criminal contra as persoas, sexan ciclistas ou os propios comuneiros".
A partir de aí, púidose comprobar que este é un tema complicado de solucionar, pero non imposible. Por exemplo, para os deportistas non é tan fácil distinguir que zonas son privadas e os medios que algúns veciños utilizan para sinalizalo son moi perigosos para os ciclistas.
Tamén quedou claro que os montes veciñais en man común, non son nin de titularidades públicas nin privadas; son de titularidade veciñal, comunitarios. A súa titularidade correspóndelle única e exclusivamente aos veciños comuneiros dun lugar, aldea ou parroquia. Dentro das normativas vixentes, os únicos que teñen potestade para decidir sobre estas terras, son os veciños comuneiros.
Pero ademais de ser unha propiedade comunitaria, os montes veciñais son espazos abertos que cumpren as funcións produtivas, ambientais e sociais como pode ser o sendeirismo, o paseos con cans ou o mountain bike. A cuestión exposta é que esta función social non se pode desenvolver coma se todo o monte fose un inmenso espazo público.
Estes usos teñen que estar regulados e autorizados polos titulares das terras; como xa sucede cos aproveitamentos gandeiros, cinexéticos, a custodia do territorio ou mesmo con algún club deportivo.
Unha das preocupacións expostas durante a longa sesión de debate foi que o uso do monte veciñal sen autorización dos seus propietarios pode carrexar consecuencias negativas para os propios titulares das terras derivadas da responsabilidade civil subsdiaria. Neste punto fíxose unha chamada de atención á Xunta para que regule esta situación.
Tamén se expuxo a necesidade de informar e formar aos usuarios do monte para que tomen conciencia de que é necesario respectar aos titulares dos terreos nos que desenvolven as súas actividades de lecer, pois son os verdadeiros responsables finais da conservación dos mesmos.
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra organizadora desta mesa redonda recolleu as felicitacións dos asistentes por esta mesa redonda, que foi valorada como unha base de entendemento para establecer un uso compatible de todos os interesados dentro do cumprimento da lexislación vixente.