A Xuntanza moteira de Ponte Caldelas celebrarase o 21 de maio
Por Redacción
Membros do Moto Club Redondela mantiveron un encontro de traballo co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, coa intención de celebrar a II Xuntanza Moteira o sábado 21 de maio, dentro dos actos conmemorativos do 50 aniversario da Festa da Troita que terá lugar este ano na vila do Verdugo.
A intención dos organizadores é utilizar a Alameda como punto neurálxico desta quedada galega onde haberá toda unha serie de actividades musicais e lúdicas complementarias e que pretende ser multitudinaria debido a que a data escollida, o 21 de maio, sería a priori mellor desde un punto de vista metereolóxico.
Motos de tódalas marcas e cilindradas, customs, naket, erre, etc. daranse cita de novo en Ponte Caldelas despois do éxito, pese ao mal tempo, da primeira convocatoria celebrada en setembro no entorno da área deportiva de Chan da Barcia.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e membros da directiva do Moto Club Redondela analizaron nesta primeira xuntanza os pormenores organizativos deste evento que pretende xuntar no municipio aos amantes do mundo do motor sobre dúas rodas. Os membros do Moto Club Redondela agradeceron ao alcalde, Andrés Díaz, a colaboración do Concello de Ponte Caldelas nesta iniciativa e apostaron por consolidala para que sexa unha cita obrigada no calendario moteiro non só da provincia senón de toda Galicia ademais dun revulsivo para promocionar a Festa da Troita.