Augas de Galicia limpará as marxes do río Besada
Por Redacción
Augas de Galicia respondeu á petición que lle realizou a concellería de Medio Ambiente de Sanxenxo o pasado mes de outubro e nos próximos días procederá á limpeza do río Besada, que atravesa o polígono industrial de Nantes. A actuación incluirá unha roza selectiva de masas de matogueira e a limpeza de árbores.
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, solicitou a limpeza tras unha reunión de parte do grupo de goberno coa xunta de compensación do polígono, na que comprobou a imposibilidade de chegar ata o río debido á proliferación de maleza.
O acondicionamento das marxes do río Besada súmase á limpeza das parcelas municipais executada xa polo Concello de Sanxenxo e contribuirán a que o polígono industrial ofreza un mellor aspecto. Neste sentido, desde o goberno local suxiren aos propietarios que contribúan a favorecer unha imaxe positiva do polígono procedendo ao amaño das parcelas, tendo en conta que é unha das primeiras áreas que se poden ver de Sanxenxo entrando pola vía rápida.
A limpeza do río Besada será o primeiro paso para a recuperación dunha contorna natural de gran valor ambiental, paisaxístico e histórico. Neste sentido, Coral González-Haba lembra que en leste mesma contorna atópase o Con da Romaíña, unha formación granítica de grandes dimensións na que aínda se conservan debuxos que representan unha culler, un tenedor e unha tixola.