As Cíes, 'madriñas' de Turismo Rías Baixas en Instagram
Por Redacción
Cunha foto das illas Cíes, unha das paraxes naturais máis coñecidas de Galicia, estreouse Turismo Rías Baixas en Instagram. A través desta rede social, o organismo turístico provincial transmitirá, de forma visual e a través de fotografías e infografías, información e recursos sobre o destino turístico Rías Baixas e cada un dos 62 concellos da provincia de Pontevedra.
A comunicación visual é esencial no sector turístico, polo que o organismo entende que Instagram é unha rede social óptima para chegar ó público obxectivo da comunicación do destino.
Ademais, desta maneira e a través das outras redes sociais de Turismo Rías Baixas, é posible establecer unha canle de información e manter unha relación directa coas usuarias e usuarios, mediante mensaxes públicas e privadas que funcionan como un centro de atención ó turista.
Na conta @turismoriasbaixas de Instagram divulgaranse, cunha frecuencia inicial de tres a seis publicacións semanais, as imaxes de recursos turísticos do destino, pero tamén haberá información sobre eventos, actividades, carteis e imaxes sobre elementos atractivos ou diferentes que poidan chamar a atención de distintos públicos.
Incluirá tamén, gran parte dos contidos relacionados co Museo de Pontevedra e ademais compartirá imaxes doutros usuarios de Instagram, coa finalidade de achegar diferentes perspectivas e puntos de vista sobre un mesmo acontecemento.