Regalas un amplificador de móbiles? Atopáchelo: Pontenadal
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia
Artesáns da provincia de Pontevedra na súa maioría, e tamén chegados de Ourense e Zaragoza ofrecen ata o cinco de xaneiro as súas artesanías baixo a carpa de Pontenadal. A Feira de Artesanía e Agasallo un ano máis está aberta na praza do Teucro, organizada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental en colaboración co Concello de Pontevedra.
Hainos que xa son habituais na cita do Nadal, e outros que se estrean e decidiron instalarse polo "boca a boca", "porque Pontevedra é boa praza" ou cambiaron os papeis "o ano pasado estabamos por Pontevedra de paseo, e entramos a ver; e este ano decidímonos a colocar un posto", din as dúas mozas de Iroma Artesanía, procedentes de Cangas, coas súas carteiras, bolsos e bixutería de ganchillo.
Un pouco de tempo basta para atopar un agasallo para calquera idade. Se hai bebés entre a lista dos Magos, en Les Siamoises, dúas irmás pontevedresas, (unha ilustradora e outra informática) fan coa súa afección ao ganchillo e a calceta: peluches musicais, mordedores, axóuxeres, camisetas,ou láminas, desde un euro ata os 28. Merece a pena tamén unha ollada por Biquiños de patchwork e por Tricotí Tricotá que traballa axóuxeres e babuchas de la. Esta artesá de Vigo realiza ademais cosméticos naturais, "pensando ademais nestas datas poden facer as súas caixas e cestas de agasallo cos produtos que prefiran".
Pasamos ao sector feminino a regalar. A xoiería artesanal ten varias paradas: a elixir con adornos mariños e de mans da grovense Montse Betanzos; con ilustracións inspiradas na cultura galega de Regalicia; deseños propios en prata feitos polos buenenses Arco da Vella ou os coruñeses da Feitura. Tamén para aquelas que están pendentes das novas tendencias, Puri Firvida con Cucadas e Antoxos realiza colgantes coa técnica do "soutache", que ao parecer ten excelentes deseñadoras en Israel e Francia. Aquí fainos en Forcarei, e pese ao traballo que supoñen o seu prezo é máis que alcanzable, entre 15 e 40 euros.
Outras pezas orixinais realízaas unha moza parella de Figueirido en Mis Moños e Coiro a Bokados, agullas para os recollidos feitos con rodio e que resultan francamente rechamantes. E Nacnic trouxo este ano de Aragón as súas láminas ilustradas con definicións sobre o que é a amizade, o amor, as emocións, ó con Dalí, Frida Khalo, o Principiño,...
Pasando ao apartado masculino da lista de agasallos: que tal unha lámpada de sal ó de selenita?. As primeiras ademais de dar unha luz cálida "ioniza" o ambiente de televisores ou computadores; as de selenita, explícannos na Casa das Pedras que se venden bastante para oficinas de empresa e estudantes "porque axuda a asentar o coñecemento e escoller o camiño correcto". E para orixinalidade sen ter que deixarse un ril en tecnoloxía: un amplificador para móbiles. Eva Costas de A man sá elabora estes dispositivos con bambú, símplemente iso, un tubo de bambú cun orificio no que se introduce a saída de son do móbil, e o resultado: sorprendente!.
Para os golosos, chocolates do Castelo de Sobroso; ou mel de Api Pili Mel e Cosmética; para os amantes da cervexa artesá Cervexas Meiga; para quen segue tendo un neno dentro, o francés Cedric Bouchard realiza en Artludic xoguetes de madeira que ademais de desenvolver a imaxinación, resultan decorativos. Para os afeccionados ao folclore, os instrumentos musicais de Os Alegres; para quen gusta do tradicional pero con toques innovadores Elena Ferro recupera os tradicionais zuecos para pés do século XXI.
Postdata: grazas polas palabras de Raquel Rojas de Biquiños de patchwork para a nosa compañeira Cristina Saiz: "Algunha lectora de PontevedraViva fixouse na galería fotográfica con motivo da inauguración de Pontenadal e grazas a iso díxome que veu comprar un xersei".